O xurado destacou da súa obra No neghro da ialma a «peculiaridade do seu estilo e a súa visión marxinal da sociedade»
03 dic 2024 . Actualizado a las 21:22 h.Amalia Blanco Pose é a gañadora da 34.ª edición do Premio Literario Camilo José Cela. A veciña de Santa Comba, según informa o Concello de Padrón, resultou vencedora coa súa obra No neghro da ialma, da que o xurado destaca o seu estilo e a súa visión da sociedade.
O premio, dotado con 1.500 euros e unha estatuíña conmemorativa, reafirma o compromiso do Concello coa promoción cultural e serve de homenaxe á figura humana e literaria de Camilo José Cela, Premio Nobel de Literatura. Nesta edición recibíronse 123 relatos, catro máis que na edición anterior, consolidando así este concurso como un dos máis prestixiosos das letras españolas.
Da proposta de Blanco, o fallo destacou a «peculiaridade do seu estilo, que emprega unha ortografía propia, e pola súa visión marxinal da sociedade», así como o feito de que o seu relato aborde «temas cargados de humanidade sen pretender axustarse á corrección política nin buscar agradar, senón simplemente narrar unha verdade con delicadeza e axilidade».
O xurado estivo presidido polo alcalde de Padrón e responsable da área de Cultura, Anxo Arca, estivo composto por expertos de diversos ámbitos literarios e educativos: Carlos Arias Iglesias, funcionario da Xunta de Galicia e gañador da segunda edición do premio; Beatriz Vázquez Lorenzo, licenciada en Filoloxía Inglesa; Inés Mosquera Calvo, mestra e investigadora no Centro Ramón Piñeiro; Esteban Folgar Brea, profesor de lingua e literatura; Lourdes Regueiro Fernández, licenciada en Filoloxía Hispánica e coordinadora de actividades culturais da Fundación Pública Camilo José Cela; e M.a Cruz Taboada Álvarez, funcionaria do Concello de Padrón.