Ecomo se o tempo voase, xa estamos de novo no mes de decembro comezando a percibir o arrecendo do Nadal coas súas tradicións e todo aquilo que se lle foi incorporando con máis ou menos acerto. Nestes días comezamos a ver diferentes representacións, ornamentos, luminarias e imaxes icónicas que caracterizan este tempo. Unha das figuras que máis relevancia acadou foi a de Santa Claus, máis coñecido aquí como Papa Noel. Este personaxe, que existiu na realidade entre os séculos II e IV, está inspirado no bispo Nicolás de Myra (Turquía). Un home ao que se lle atribúen moitos milagres e que foi soterrado en Bari, onde ten erixida unha basílica na súa honra e lugar importante de peregrinaxe. Fillo dunha familia acomodada, os seus pais morreron coa peste, e a historia conta que repartiu o que tiña entre as xentes necesitadas, metendo ouro nos calcetíns que estaban colgados a secar nas chemineas das casas. Ordenouse sacerdote e fíxose tan popular e querido que chegou a ser santo patrón de países como Rusia, Turquía ou Grecia. Foi un dos primeiros santos da Igrexa e adquiriu grande popularidade entre os devotos pola fama de facer agasallos, e de aí nace o personaxe que coñecemos como Santa Claus. Mais este nome deriva de Sinterklaas, que en holandés é San Nicolás. A imaxe deste santo foi levada a EE.UU. polos colonos holandeses no século XVII, e no ano 1809 o escritor Washington Irving cambioulle o nome ao pronunciar Santa Claus en vez do orixinal Sinterklaas. Aquí ese mesmo personaxe é coñecido como Papa Noel, e neste caso é unha derivación que nos chega dende Francia onde Nöel significa Nadal. Sexa como for, o personaxe chegou a España arredor dos 70 e en verdade hai que recoñecer que a mercadotecnia funcionoulle estupendamente. Nos países alpinos e acompañando a Santa Claus aparece a figura mitolóxica do Krampus. Un ser de aparencia demoníaca e con semellanzas razoables a certos personaxes do entroido galego. A súa misión é a de castigar á rapazada que non se portou ben durante o ano. A Igrexa quixo desterralo no seu momento pero non puido coa tradición. Así que incorporouno ao ritual propio do Nadal, fundamentalmente nos países centroeuropeos onde o Krampus está moi arraigado.