O libro sobre Antolín Faraldo de Xurxo Martínez, premio Ramón Baltar Feijóo
CULTURA
O xurado salientou a singularidade dun ensaio que fai unha relectura do papel do líder revolucionario galego que incorporou o nacionalismo ou protonacionalismo «á tarefa da loita polas liberdades no seu tempo, contra o absolutismo»
09 dic 2024 . Actualizado a las 23:49 h.O libro de Xurxo Martínez Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento: Antolín Faraldo gañou a cuarta edición do premio de investigación Ramón Baltar Feijóo, cunha obra que aborda a vida e a obra de Antolín Faraldo, voz de toda unha xeración e alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego pero que segue a ser tamén un gran descoñecido. O galardón distingue obras que teñen que ver co fondo documental do Arquivo Baltar Feijóo, que acolle máis de 400 documentos que van desde o Rexurdimento até a Xeración Nós. Tras optar por este traballo publicado no 2022 por Alvarellos Editora como obra máis destacada dos dous últimos anos no estudo do período histórico relativo ao citado fondo documental —que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela—, o xurado salientou a singularidade dun ensaio de Martínez que fai unha relectura do papel de Faraldo, líder revolucionario que incorporou o nacionalismo ou protonacionalismo «á tarefa da loita polas liberdades no seu tempo, contra o absolutismo», ademais de recoller textos dispersos e descoñecidos de Faraldo. O xurado estivo formado por Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega; Francisco Prado Vilar, historiador; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijóo; Lydia Fontoira, profesora da USC e secretaria do premio; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
Co gallo do 200.º aniversario do nacemento de Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 1822-Granada, 1853), Querida liberdade abordou, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor». O libro contén, por unha banda, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez, que mergulla ao lector de maneira moi vívida nunha época apaixonada: con ritmo, estruturado en breves epígrafes e unha clara vontade didáctica e divulgativa. Tras isto, inclúe unha completa antoloxía con 45 artigos de Faraldo.
Xurxo Martínez (Vigo, 1984), escritor e investigador, alén de doutor en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, ten publicado numerosas obras sobre persoeiros galegos dos séculos XIX e XX como Luís Soto, Manuel Leiras Pulpeiro ou os irmáns Villar Ponte, entre outras figuras.