Cultura trata de reforzar a imaxe do sistema galego de centros museísticos

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da presentación do distintivo do sistema galego de centros museísticos.
Detalle da presentación do distintivo do sistema galego de centros museísticos.

O propósito da consellería é fortalecer «a identidade dos equipamentos» e impulsar «a súa proxección social»

13 dic 2024 . Actualizado a las 17:24 h.

A Consellería de Cultura presentou este venres un distintivo corporativo que trata de reforzar a imaxe do sistema galego de centros museísticos coa idea de fortalecer «a identidade dos equipamentos» e impulsar «a súa proxección social», como sinalou o responsable do departamento autonómico, José López Campos. «Pretendemos que as entidades integradas gocen dun distintivo que as diferencie e as poña en valor» , incidiu para explicar que era un recurso moi demandado polo sector e que unificará e distinguirá aos museos, coleccións e centros interpretativos doutros espazos que igualmente desenvolvan unha actividade cultural pero non teñan esta condición. A disposición deste distintivo, profundou, enmárcase na posta en marcha dun decreto —en fase de consulta pública desde onte— que facilitará o procedemento de creación, transformación e disolución dos centros museísticos radicados en territorio galego e que sexan de titularidade allea á comunidade.

Dous modelos

Outra das novidades é a regulación de dous modelos de plan museolóxico segundo o carácter da institución. Un será para os museos, diferenciados pola súa área de documentación, conservación e investigación, e outro para coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio. Ao abeiro do decreto tamén se desenvolverá o rexistro xeral de centros museísticos de Galicia, un instrumento ao que se incorporarán as entidades creadas no marco da lei. Outro dos puntos importantes do texto é que segue a liña marcada pola Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que entrará en vigor nos vindeiros días, recollendo indicacións específicas enfocadas á eliminación de barreiras físicas e cognitivas.

López afirmou que suporá «unha maior seguridade xurídica para o sector e a axilización no proceso de cualificación dos centros», que se normalizará a través da tramitación electrónica. Facilítase así a incorporación ao sistema de entidades que dispoñen do potencial necesario e «mellorará a visibilización e o control sobre o patrimonio, o que repercutirá nunha maior difusión e o incremento de oportunidades para acceder ao coñecemento pola poboación».