Rosa Cedrón: «É un honor e unha gran responsabilidade ocupar o lugar de Ramón Castromil na Academia»

Carmen Gómez Mariñas
Carmen G. Mariñas REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Rosa Cedrón lendo o seu discurso de entrada na Real Academia Galega de Belas Artes.
Rosa Cedrón lendo o seu discurso de entrada na Real Academia Galega de Belas Artes. CESAR QUIAN

A violonchelista e vocalista é nova académica da Real Academia Galega de Belas Artes na Sección de Música; a terceira muller na historia da institución

21 dic 2024 . Actualizado a las 19:27 h.

Desde este sábado, a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) conta cunha nova académica. A violonchelista e cantante Rosa Cedrón (Monforte de Lemos, 1972) incorpórase á Sección de Música tras un acto celebrado no auditorio do Conservatorio da Coruña, un lugar especial onde ela mesma comezou a súa formación con 8 anos. Agora, é a terceira muller en formar parte desta sección nos 175 anos de historia da institución.

A artista, que suma décadas de traxectoria, comeza agora nunha nova etapa que recibe con «gratitude polo recoñecemento» e tamén cun sentimento de «honra e gran responsabilidade». Cedrón entra na praza antes ocupada por Ramón Castromil Ventureira, falecido no 2022, e admite que «o feito de ocupar o posto dunha figura desta categoría impón. É moita responsabilidade porque hai un gran traballo xa feito».

No acto, a nova integrante pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado Entre dous mares: Do mundano ao trascendental. Coma unha ponte que une dous mares é precisamente como a música definiría o seu estilo e a súa carreira. A primeira parte da súa intervención estivo cargada de notas autobiográficas. «Teño unha parte académica, pero tamén unha autodidacta por parte da miña familia. Móvome entre a música clásica e a música moderna ou máis popular», explica Cedrón. «Esa é a miña esencia e o que me pode diferenciar doutros músicos. Son esa mestura de dous mares. A miña vida xira en torno á dualidade», engade. Na segunda parte, a artista reflexionou sobre o futuro, mirando a música desde o lado material ou mundano e tamén o transcendental. «É o que fai da música algo tan especial e tan diferente», sinala.

A súa versatilidade foi destacada polo presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, que definiu como «un fenómeno fascinante que reflicte a riqueza e diversidade da expresión musical ao longo do tempo». O académico Juan Pedro Durán foi o encargado de contestar ao seu discurso. Na súa intervención sinalou que Cedrón aportará «un perfil interpretativo-musical que hai xa tempo non estaba representado na corporación».

A artista deu nos anos 90 un xiro á súa carreira enfocada na música clásica converténdose na vocalista de Luar na Lubre, grupo do que formou parte entre 1996 e o 2005. Case dúas décadas despois, Cedrón espera aportar á conservación, pero tamén aprender do resto de académicos, «auténticas autoridades tanto na musicoloxía como na composición ou a interpretación». Convértese en académica nun tempo «de riqueza musical, con xente nova que vén con proxectos brutais».

Entre os temas que interpretou, acompañada polo seu irmán Javier Cedrón ao violín e o pianista Juanjo Fernández, estiveron Miña nai Lúa, unha das súas primeiras pezas e Negra Sombra, en homenaxe a Rosalía de Castro.