Primeira pancarta en galego

CULTURA

Protesta estudiantil en defensa do ensino público, nunha foto tomada no 2023.
Protesta estudiantil en defensa do ensino público, nunha foto tomada no 2023. Sandra Alonso

20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Aaparición da primeira pancarta en galego, na historia sociolingüística de Galicia, vai moito máis alá dunha curiosidade erudita, gusten ou non os textos das pancartas que se amosan e esgrimen nas manifestacións políticas. Hainas de certo valor literario e alguén fará algún día unha escolma dos textos que se corean nas manifestacións de protesta, coincidentes, moitas veces, cos que aparecen inscritos nas pancartas dos militantes máis afervoados. É un subxénero literario, con textos en prosa e en verso, que merece a atención dos estudosos da literatura, en xeral, e dos interesados na chamada literatura efémera (panfletos, octavillas, follas voandeiras...).

Eu, con 17 anos, asistín a un feito histórico na praza da Princesa en Vigo o 11 de decembro de 1946. Estudaba eu 6.º curso de bacharelato no instituto Santa Irene nesa data e asistín, a fortiori, con centos de alumnos deste e doutros centros de ensino da cidade, á manifestación convocada para as once da mañá (pecharon todos os comercios) polas autoridades locais e provinciais. Había que protestar contra a ONU que, neses días, declarara o boicot diplomático ao réxime de Franco, retirando os embaixadores de Madrid como mostra de repulsa a un réxime, o de Franco, que colaborara, na Segunda Guerra Mundial, cos países nazi-fascistas (disposición 39 do alto organismo). A protesta era, tamén, contra o Goberno da República no exilio (París), presidido por José Giral e no que Castelao era ministro. Resulta, pois, que a primeira vez que eu asistín a unha manifestación (neste caso, autorizada), manifesteime contra Castelao, se ben sen sabelo e, mesmo, sen ter noticia da existencia daquel escritor e artista nunca citado nas aulas nin para mal.

Non sei que pancartas houbo en Madrid na praza de Oriente, con 700.000 persoas enfervorizadas, pero na de Vigo El Pueblo Gallego recolle alfaias coma esta: «Que se mueran los hijos de la Pasionaria y de Pepito Giral». Entre as moitas da praza viguesa da Princesa, figuraba unha en lingua galega que parafraseaba o dito popular «Aquí, coma en Ribadeo, cada un paga o seu» e dicía: «Aquí, como en Ribadeo, para cada ONU, o seu». Hai 78 anos.