Este pasado venres estiven na cidade de Ávila no último concerto de Luar Na Lubre do 2024. Era a quinta vez que tocábamos nesta cidade que me encanta dende sempre. O público que ateigou o espazo Lienzo Norte foi respectuoso, atento e moi curioso con todo o que lles contábamos en cada unha das cancións. Alén do propio concerto non me vou estenderme máis en detalles persoais. Mais si vou reparar na figura dun persoeiro histórico chamado Prisciliano que non é suficientemente coñecido. Trátase dunha figura controvertida incluso dende unha perspectiva actual, canto máis para a realidade do seu tempo. Prisciliano naceu na Gallaecia arredor do 340 a.C. e foi decapitado por herexe no 385 na cidade de Treverorum, actual Tréveris-Alemaña. Foi bispo de Ávila e relembreime del a raíz dunha entrevista cun xornal abulense na que me evocaban a figura deste personaxe así como a relación de Ávila coa histórica provincia romana da Gallaecia, cando a Península Ibérica estaba configurada territorialmente dun xeito ben diferente ao actual. A historia deste home non tería maior transcendencia se non fose polas súas crenzas, a súa ideoloxía e o legado que del quedou no transcurso do tempo. E é porque as súas conviccións estaban na liña do rexeitamento do materialismo, destacando a espiritualidade e unha clara oposición ás xerarquías eclesiásticas. Primando a sinxeleza, a vida ascética e un contacto directo co que eles consideraban Deus. O rexeitamento do ritualismo convencional da igrexa establecida, o achegamento á natureza con rituais de carácter panteísta e a igualdade de homes e mulleres derivaron en que fose acusado e condenado por herexe. Isto supuxo o seu encarceramento e posterior morte. Trala condena e mediante tortura, Prisciliano recoñeceu a celebración de rituais considerados «máxicos», como o emprego de herbas e prantas curativas, crenza na astroloxía ou mesmo a celebración de danzas nocturnas nas noites de plenilunio. Prisciliano e varios dos seus seguidores foron condenados por herexía e decapitados en Tréveris-Alemania. Malia todo, o priscialianismo continuou no tempo e aínda é hoxe o día no que hai quen sinte admiración pola súa figura, historia e crenzas, sobre todo en Galicia. Moita historia que debullar ao seu arredor.