Galicia celebrará no 2025 o Ano Castelao con motivo do 75 aniversario do seu pasamento

CULTURA

CEDIDAS POR LA RAG

A Xunta aproba a declaración e anuncia un amplo programa de actividades, entre o que destaca unha exposición na Cidade da Cultura que contará cunha recreación virtual do escritor e político

27 dic 2024 . Actualizado a las 17:01 h.

O Goberno galego acordou este venres declarar o vindeiro 2025 como Ano Castelao co gallo da celebración do 75 aniversario do seu pasamento e como «mostra de gratitude do pobo galego» a esta figura senlleira da cultura e política galegas. O Consello da Xunta aprobou unha declaración institucional na que se erixe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como «un dos persoeiros máis coñecidos e recoñecidos por todos os galegos e galegas» que é capaz de «convocar sempre e unir a todos». Con motivo da declaración do 2025 como Ano Castelao, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, tal e como avanzou o presidente Rueda, ten preparada unha ampla programación para enxalzar as importantes achegas do intelectual galeguista, tanto no eido da política como no da cultura. Unha das accións máis relevantes para enxalzar a súa contribución histórica será a recreación virtual de Castelao nunha exposición na Cidade da Cultura, que permitira interactuar directamente con el, e na cal tamén se reproducirá a súa propia voz.

Deste xeito, será o mesmo Castelao quen guiará os visitantes nun percorrido pola súa vida, obra, achegas intelectuais e políticas e tamén creativas, a través dos seus debuxos. Esta recreación da figura e da súa vida no Metaverso será posible grazas ao proxecto Galiverso da Cidade da Cultura, unha iniciativa das consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que emprega as tecnoloxías inmersivas e que, na actualidade, permite no Museo Centro Gaiás descubrir importantes bens que forman parte do noso patrimonio cultural a través da súa recreación en realidade virtual.

Difusión entre os escolares

Ademais desta recreación virtual de Castelao e da súa vida e obra, a Xunta ten organizado, dentro da súa programación para difundir o legado cultural e intelectual do escritor rianxeiro, actividades diversas de carácter educativo pero tamén con compoñente de lecer para desenvolver en todos os centros escolares de toda Galicia. Estas actividades levaranse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas con que contan as escolas galegas.

A obra

A estas accións educativas sumaráselle a edición, en colaboración coa Fundación Castelao e a Editorial Galaxia, das tres versións que deixou publicadas Castelao da súa emblemática peza teatral: Os vellos non deben de namorarse. Será a primeira vez que se leve a cabo a publicación simultánea dunha das obras máis populares do teatro galego, estreada en Bos Aires en 1941.Esta edición especial tripla enmárcase na coincidencia da celebración do Ano Castelao co 75 aniversario o ano que vén da creación de Galaxia, editorial que conta tamén cunha forte carga simbólica en Galicia e que ten tido á front eda súa presidencia figuras sobranceiras, como foi Ramón Otero Pedrayo, e que leva traballando activamente tres cuartos de século polo prestixio da literatura, cultura e lingua galegas.

Finalmente, a ampla programación para festexar o Ano Castelo tamén incluirá, entre outras accións, a dixitalización, en colaboración co Instituto Padre Sarmiento, de toda a documentación descuberta sobre o proceso de aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1936, en que Castelao foi un dos partícipes directos.