UN LIBRO CADA DÍA
PARA LER
Pasou tanto tempo que ninguén se acorda... Este podería ser un comezo posible para un dos relatos que se incorporan en Os doce traballos de Hércules, escrito por Carlos López e ilustrado por Siro López. A afirmación inicial non aparece pero tráioa aquí porque me gusta pensar que este libro é un palimpsesto, un manuscrito que conserva pegadas doutra escritura anterior, que dirixe unha ollada a un incunable dun tal Enrique de Villena, que publicou en 1483 no obradoiro zamorano de Antonio de Centenera, unha historia do mesmo nome que incorporaba gravados feitos ad hoc para aquela edición. O libro circulara con éxito durante moito tempo, probablemente porque, alén de beber con equilibrio en fontes clásicas e contemporáneas, se internaba no modelo de sociedade imperante naquel tempo e deseñaba un Hércules coma se fose un perfecto cabaleiro medieval.
E que fai aquí Carlos López? Alén de actualizar e proxectar a relevancia da mitoloxía nunha lectura para un público xuvenil de forma atractiva, o que de seu é de agradecer, engade un valor indiscutible como son as ilustracións de Siro que interpretan con brillantez eses doce traballos que Euristeo lle pide para se converter nun deus. Velaquí, así pois, un Hércules senlleiro, modelado desde a atalaia do humor e que, por tanto, abraza inesperadas estratexias para acadar un bo resultado en todos e cada un deses traballos como son o de se enfrontar á hidra de Lerna, á cerva de Cerinea, ao xabaril de Erimanto, ao can Cérbero, ás mazás das Hespérides, ao touro de Creta ou ás eguas de Diomedes. Non podía faltar, por certo, unha chiscadela necesaria a un territorio máxico onde enterrou a Xerión para logo erguer un faro que leva o seu nome, xunto a unha «cidade de cristal» e desde a que emite unha luz que son os ollos de Xerión cando evoca a «deusa da beleza». Todo para seguir iluminando a fantasía e a mitoloxía desde outra ollada, a que nace do enxeño e que é tan necesaria para os nosos días.