Queiroz asina o seu derradeiro capítulo ao entrar no Panteón Nacional portugués

Brais Suárez
Brais Suárez LISBOA / E. LA VOZ

CULTURA

Os restos de Queiroz foron acollidos por fin este mércores no Panteón Nacional de Portugal, en Lisboa
Os restos de Queiroz foron acollidos por fin este mércores no Panteón Nacional de Portugal, en Lisboa Carlota Ciudad | Efe

O autor de «Os Maias» é reinhumado tras unha longa batalla legal coa familia

09 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Con certeza, a ironía de José Maria Eça de Queiroz tería sacado proveito da disputa que os seus restos mortais xeraron ao longo dos últimos anos, e que só se resolveu definitivamente este mércores. Probabelmente, resultaríalle máis difícil traspoñer a relación de escritor e personaxe para imaxinar como, unha vez morto, protagonizaría unha novela que mestura o drama familiar, a recreación histórica, a identidade nacional e un arrevesado enfrontamento nos tribunais.

Chegou así o derradeiro capítulo, co ingreso dos restos mortais deste referente da literatura moderna lusa no Panteón Nacional de Portugal. Xa é honrado na igrexa de Santa Engrácia xunto a apenas 19 personalidades históricas máis, unha clara pista da súa relevancia. O talle do escritor quedara retratado durante o extenso debate nacional previo, que acompañou todos os trámites legais que remataron nesta solemnísima cerimonia.

«Porque non abonda con enterrar os mortos e coidar dos vivos, precisamos coidar dos mortos mesmo cando continúan vivos», como vivo está Eça de Queiroz (Póvoa de Varzim, 1845-Neuilly-sur-Seine, 1900), lembrou onte o presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa. O mandatario referiuse á homenaxe como un «acto de xustiza», apoiado pola meirande parte dos herdeiros do escritor e toda a representación institucional.

De feito, cando todo é susceptíbel de derivar en polarización, resultou tamén simbólica a unanimidade do Parlamento luso para atribuírlle as honras de Panteón Nacional. Se cadra, porque Eça de Queiroz expresou tamén o máis consensual que ten un país: a súa personalidade, sen «triunfalismos nin megalomanías», como destacou na cerimonia o presidente da Asemblea da República, Pedro Aguiar Branco.

Este terceiro enterro do escritor apenas pareceu dividir á súa familia e á vila onde xacía, que non quería perder esta parte do seu patrimonio. Tras morrer en París, en 1900, foi sepultado no cemiterio do alto de São João de Lisboa e, en 1989, foi trasladado ao sepulcro familiar de Santa Cruz do Douro, en Baião. O 27 de setembro do 2023 establecérase como a data na que debía chegar por fin ao Panteón Nacional, despois de que o Parlamento aprobara unha resolución proposta pola Fundación Eça de Queiroz dous anos antes.

Seis bisnetos en contra

Contaban daquela co beneplácito de trece bisnetos, o silencio de tres e a negativa doutros seis, que agardaron até ese mesmo mes de setembro para presentar un recurso á decisión. O daquela presidente da Asemblea da República, Augusto Santos Silva, definiu esa decisión coma «un acontecemento embarazoso», que paralizou todo o proceso. Só se resolvería en xuño do ano pasado, cando o Supremo Tribunal Administrativo rexeitou a providencia dos seis familiares, que alegaban «unha inaceptábel falla de respecto contra a vontade do homenaxeado» —quen, pola súa banda, nunca chegara a especificar nada sobre as súas preferencias—. Este órgano expresou que a súa argumentación era «inaplicábel», «impensábel», «imprevista» e «inútil».

Alén diso, explicou tamén en detalle que os seis bisnetos representan «unha minoría» da familia —en contra do que eles alegaran con base nunha análise das pólas da árbore xenealóxica— e descartou facer «unha audición de testemuñas presentadas polas partes» para «intuír» cal tería sido a «vontade inducida ou intuída do propio escritor», exercicio ese que «só sería útil para unha toma de decisión política sobre o traslado, que nada ten que ver coa decisión xurídica». Punto final, e a reinhumación quedou definitivamente aprobada.

Eça de Queiroz é un dos autores modernos máis transversais das letras lusas. Os seus textos e a súa vida amosaron a ousadía do correspondente estranxeiro, o enxeño do tradutor, a educación que lle esixía o seu cargo de diplomático no Reino Unido e Francia e a relaxación e elegancia con que este bon vivant soubo ver o mellor da vida, cun humanismo polo que nunca escatimou esforzos. Eça, en cuxas novelas tanto se criticaba que Portugal sempre homenaxease os mediocres, descansa xa onda os escritores máis consensuais do seu país.

«Nunca haberá un xeito certo de conmemorar Eça, porque todas as conmemoracións fican aquén, son dalgún modo desaxustadas [...]. As verdadeiras homenaxes son feitas polos millóns de lectores no mundo», concluíu onte Rebelo de Sousa o seu discurso. «É así como tamén coidamos dos vivos».