Convocado o premio de oratoria en pódcast Ramón Otero Pedrayo

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ramón Otero Pedrayo, nunha imaxe de arquivo no antigo Hotel Roma na rúa Progreso de Ourense.
Ramón Otero Pedrayo, nunha imaxe de arquivo no antigo Hotel Roma na rúa Progreso de Ourense.

As pezas deberán versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición

15 ene 2025 . Actualizado a las 22:49 h.

A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Lingua e a cooperativa agroalimentaria Coren, vén de convocar o terceiro premio de oratoria en formato pódcast Ramón Otero Pedrayo, dirixido ao alumnado galego entre os 15 e 25 anos. O galardón, que rende tributo a Otero Pedrayo coa idea de levar a súa figura ás novas xeracións, está dotado con tres mil euros, repartidos en tres categorías. O primeiro premio consiste nun ordenador portátil e cincocentos euros en produtos Coren, en tanto que o segundo está dotado con cincocentos euros en produtos Coren e o terceiro en douscentos euros en produtos Coren.

Os pódcast deberán versar preferentemente sobre temas ligados ao universo oteriano, como o medio natural, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral ou a tradición oral. As pezas que se presenten, en formato pódcast e vídeo, deben enviarse ao correo da asociación (amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com) entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo deste 2025.

A Asociación de Amigos de Otero Pedrayo elixirá o xurado, que estará formado por cinco persoas expertas no campo da comunicación e da cultura e que, ademais de fallar o premio aos mellores traballos e difundilos por todas as canles das que dispón a entidade, seleccionará as mellores pezas non premiadas para poñelas en acceso aberto na súa páxina web. Na valoración das pezas terase en conta, de forma preferente, o vocabulario, voz e dicción, xesticulación (no seu caso), organización do discurso, argumentación e calidade técnica.

O premio resolverase nos meses do verán e darase a coñecer o día 31 de agosto. A entrega dos galardóns será en Trasalba, nun acto que se organizará antes de finais do 2025 e no que haberá unha degustación de produtos Coren que ofrece esta cooperativa no marco da súa colaboración co premio.