O Museo do Pobo evoca a relevancia que acadou a industria da louza en Bamio

M. G. iglesias SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Produto de gran calidade. «Louza de Bamio», exposición que abriu no claustro alto de Bonaval e poderá visitarse ata o día 2, amosa como dos obradoiros da parroquia vilagarciá de San Xinés de Bamio saían pezas de gran calidade, un produto equiparable ao das olerías de Gundivós e Buño.
Produto de gran calidade. «Louza de Bamio», exposición que abriu no claustro alto de Bonaval e poderá visitarse ata o día 2, amosa como dos obradoiros da parroquia vilagarciá de San Xinés de Bamio saían pezas de gran calidade, un produto equiparable ao das olerías de Gundivós e Buño. P. Rodríguez

Unha mostra reúne pezas rescatadas da olería vilargarciá para achegar o valor dun oficio desaparecido

16 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O último obradoiro de olería na parroquia de San Xinés de Bamio (Vilagarcía) pechou nos anos 40 do século pasado, pero a forte pegada desta industria e esta tradición queda patente na mostra Louza de Bamio: memoria, mulleres e territorio que abriu este mércores as súas portas no Museo do Pobo Galego. A exposición configúrase como unha recompilación de pezas de cerámica, nun relato que reforzan seis paneis informativos. Algunhas desas pezas foron recuperadas nos últimos anos pola Asociación de Mulleres de Bamio no marco do proxecto de Louceir@s, que desenvolveu en colaboración coa Universidade de Vigo; outras forman parte dos fondos do propio museo grazas ao labor do médico e etnógrafo Luciano García Alén e a súa muller, María García Ayaso.

Un dos obxectivos desta mostra, que poderá visitarse ata o 2 de febreiro no claustro alto de Bonaval, é renderlle homenaxe á tradición oleira de Bamio e incidir na importancia de revitalizar a memoria colectiva sobre este oficio xa desaparecido. Con ela, dáse a coñecer a relevancia que esta industria tivo nesta parroquia vilagarciá e da que no seu momento saíron pezas equiparables ás de Buño e Gundivós. Desde o goberno local de Vilagarcía resaltaban esta semana que Bamio foi unha auténtica potencia na produción de louza, co que a exhibición «axudará a que a xente sexa consciente da importancia deste patrimonio».

Mulleres rurais

Foi o traballo da Asociación de Mulleres Rurais de Bamio o que permitiu conservar e dar a coñecer esta riqueza cultural a través dun labor impulsado conxuntamente cun equipo da Universidade de Vigo comandado pola profesora e arqueóloga Beatriz Comendador. A iniciativa, que comezou hai preto dun decenio, tamén conta co apoio do Concello arousán.

A presidenta do Museo do Pobo, Concha Losada, sinalaba na presentación que o proxecto que pode disfrutarse en Bonaval xorde nas súas orixes do interese das mulleres de Bamio pola súa louza. Por iso, ela animaba a todos a seguir buscando pezas, recuperándoas, xa que aínda a día de hoxe seguen a aparecer abandonadas en fincas e vivendas da parroquia: «Que a xente saiba que debe conservalas, non tiralas ao lixo», incidiu. Losada tamén enxalza a importancia desta mostra para o museo a pesares de que non sexa moi ampla en canto a número de pezas reunidas debido, por unha parte, a que se trata de louza tradicional, non sempre entendida e valorada, e, por outro lado, porque a modesta pero crucial iniciativa da conservación da tradición parte dos propios veciños, con medios limitados.