Nova Galega de Danza resume vinte anos de traballo nunha fin de semana 

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Na platea do Colón. Lúa Cárdenas (bailarina), Sergio Moure (compositor), Alba Vázquez (bailarina), Estefanía Gómez (bailarina), Jaime Pablo Díaz (director de Nova Galega de Danza), Iván Villar (bailarín), Yoya Neira (deputada da Deputación da Coruña), Inés Vieites (bailarina), Rie Okada (distribuidora), Laura Santamariña (bailarina), Alba Cotelo (bailarina) e Rosa Cedrón (cantante e chelista).
Na platea do Colón. Lúa Cárdenas (bailarina), Sergio Moure (compositor), Alba Vázquez (bailarina), Estefanía Gómez (bailarina), Jaime Pablo Díaz (director de Nova Galega de Danza), Iván Villar (bailarín), Yoya Neira (deputada da Deputación da Coruña), Inés Vieites (bailarina), Rie Okada (distribuidora), Laura Santamariña (bailarina), Alba Cotelo (bailarina) e Rosa Cedrón (cantante e chelista). César Quian

A compañía representa sucesivamente «Leira», «Berro» e «Dique» na Coruña

15 ene 2025 . Actualizado a las 18:57 h.

Non conforman en absoluto toda a súa produción, pero si que serven como resumo dunha traxectoria. Trátase de Leira, Berro e Dique, as tres pezas que conforman a antoloxía que a compañía Nova Galega de Danza representará esta fin de semana no Teatro Colón da Coruña. Unha por día, levaranse á escena sucesivamente o venres 17 o sábado 18 e domingo 19 de xaneiro ás 20.00 horas. A entrada é gratuíta con convite. Pese a esgotarse cando se anunciou o proxecto en decembro, abriuse un prazo ata ás 12.00 horas de hoxe para que as persoas que teñan entradas, pero que non poidan asistir as funcións, as devolvan. Estas volveranse poñer á disposición do público na plataforma Ataquilla.

O director artístico da compañía, Jaime Pablo Díaz, destacou na súa intervención onte no teatro que Nova Galega de Danza terá á súa disposición a fin de semana que o propósito da formación foi sempre «facer diferentes espectáculos co nexo da cultura galega». Emocionado, tamén quixo destacar o que ten de simbólico este regreso ao Colón: «Este teatro ocupa un lugar único no meu corazón, xa que foi aquí onde comecei a miña carreira artística, con 16 anos, nunha das aulas do cuarto ou quinto andar, onde estaba o ballet [Rey de Viana]. Foi unha etapa chea de ilusións e retos, e foi neste espazo onde dei os meus primeiros pasos profesionais. Volver agora, despois de tantos anos, éncheme dunha emoción indescritible».

Na rolda de prensa estivo presente parte do corpo de baile, entre eles Iván Villar, gañador do premio Max ao mellor intérprete de danza masculino no 2022 polo seu traballo en Leira. «É un verdadeiro agasallo poder facer esta antoloxía aquí», sinalou.

Precisamente, Leira é o título que abre o venres 17 o ciclo. Pablo Díaz explicou que trata «da dura beleza dos traballos do campo». A peza, que, ademais de lograr o premio de Villar, foi finalista nos Max como mellor espectáculo de danza, coloca a muller no centro dunha conexión telúrica entre o corpo e a terra, para celebrar unha «Galicia intemporal e máxica». Na peza mestúrase o sol, a choiva, o vento xeado e crúas paisaxes de intemperie. É o escenario no que discorre unha coreografía humana de apeiros de labranza e de corpos que cargan e arrastran. Danzan entre os sucos arados na terra.

O sábado toma o testemuño Berro, «un proxecto no que saímos da nosa zona de confort e foi moi complicado», lembrou o director. Representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral —a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa— a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.

Por último, Dique pechará o ciclo o domingo. Nace do desexo de Pablo Díaz de recuperar unha historia esquecida: a construción do dique da Campá de Ferrol, na que participaron 200 mulleres entre 1874 e 1879. «Unha historia así tiña que ser contada por mulleres», resaltou. Esas mulleres retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas, 58.000 cada unha delas. Eran as chamadas estibadoras, e, polo mesmo traballo ca eles, cobraban menos cós homes que participaron nesa obra. No 150.º aniversario do inicio da súa construción, Nova Galega de Danza convidou á directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente.

Encontro co público

Rematada a función de Dique, o domingo terá lugar un encontro aberto ao público para concluír esta antoloxía. Nel, Pablo Díaz conversará co dramaturgo e investigador teatral Roberto Pascual, director da MIT entre o 2009 e o 2024.