Exploran a relación entre Castelao e o gaiteiro Avelino Cachafeiro

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Avelino Cachafeiro debuxado por Castelao.
Avelino Cachafeiro debuxado por Castelao.

O Consello da Cultura dedicou unha xornada a conmemorar a figura do mellor gaiteiro de Galicia segundo o concurso que gañou en 1924

16 ene 2025 . Actualizado a las 19:58 h.

O Consello da Cultura (CCG) dedicou este xoves unha xornada á exploración da relación entre Castelao e Avelino Cachafeiro, o mellor gaiteiro de Galicia segundo o concurso que gañou en 1924 e do que Castelao deu conta nun artigo acompañado dun debuxo. Avelino Cachafeiro Bugallo (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1899-1972) foi ademais un creador versátil e empresario, que chegou a ter unha sala de festas e unha funeraria. A súa biografía xa se pode consultar no Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais do CCG, nunha entrada asinada por Rubén Troitiño, musicólogo que espuxo na xornada o relatorio Redescubrindo a figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, no que fixo un percorrido vital dende os seus comezos na aldea ata a súa emerxencia como icona da música galega. O periodista Siro López abordou a faceta do Castelao viñetista, con especial atención á imaxe que fixo do gaiteiro cando gañou o concurso e no que plasmou a esencia na copla: «Toca, gaiteiriño, toca, / meniñas, correi a vel-o, /qu’é moita gaita a gaitiña / do gaiteiro de Soutelo». O debuxo, cargado de simbolismo e destreza artística, foi o inicio dunha serie de traballos dedicados a Avelino, entre os que destaca un que se conserva no Museo de Pontevedra.