O escritor Bernardino Graña morre aos 92 anos

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Bernardino Graña nunha foto do ano 2012
Bernardino Graña nunha foto do ano 2012 GUSTAVO RIVAS

Destacou como poeta e foi unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX

18 ene 2025 . Actualizado a las 11:41 h.

Bernadino Graña, o poeta do mar e do amor, faleceu en Nigrán aos 92 anos. Fundador do grupo Brais Pinto e figura fundamental das letras galegas da segunda metade do século pasado, destacou na poesía, aínda que tamén cultivou o teatro e a narrativa.

Dende a Real Academia Galega, onde era membro de número, laméntase a súa perda. «Bernardino era unha persoa moi querida dentro e fóra da Academia. Un poeta de enorme talento, cunha sensibilidade especial, extraordinariamente dotado para a lírica», salienta o presidente da RAG Víctor F. Freixanes. «Os seus grandes temas eran o amor, a ecoloxía, sempre na defensa dos valores da natureza, a alegría de vivir, e unha inquebrantable lealdade á terra, a Galicia e moi especialmente á bisbarra do Morrazo e ás rías. O mar de Cangas e o mar en xeral», engade. 

Nacido en Cangas fo Morrazo en 1932, formouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Foi alí onde comezou a forxar unha conciencia galeguista que o levaría a converterse nun dos referentes do Rexurdimento do século XX. Xunto a outros creadores comprometidos, integrou o mencionado grupo Brais Pinto, un colectivo que loitou por renovar a cultura galega e reivindicar a súa presenza nun contexto dominado pola censura.

Tal e como recorda a RAG no seu comunicado, Graña sobresaíu pronto como poeta. Gañador do certame de poesía das Festas Minervais nos anos 1954, 1955, 1959 e 1969, o seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir,  editouse en 1958 por Brais Pinto, o grupo de  intelectuais galeguistas residentes naquel momento en Madrid do que formou parte canda Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo e Raimundo Patiño, entre outros.

En 1966 saíu Profecía do mar. Nestas páxinas o poeta establecía un diálogo apaixonado cun mar investido de gran forza telúrica na lingua patrimonial dos mariñeiros de Cangas. Logo virían, entre outros, Non vexo Vigo nin Cangas (1975), Sima-Cima do voar do tolo (1984), o telúrico Himno verde (1992), Ardentía. Obra poética completa (1995) e Luz de novembro (1997).

Literatura infantil e xuvenil

Xunto a poesía, Bernardino Graña cultivou o teatro e a narrativa, xénero no que salienta, sobre todo, a súa produción destinada ao público infantil e xuvenil, con títulos como O león e o paxaro rebelde (1969), premiado no II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho; Planeta de ratos tolos (1990), Xan Guindán, capitán (1991); Rata linda de Compostela (1994); O gaiteiro e o rato Pérez (1994), premio Merlín de 1993; Xan Guindán e os salvaxes (1996); Xan Guindán mensaxeiro (1997), ou O quirico lambón (1997). 

Durante varios anos deu clase no Colexio Fingoy de Lugo, institución de carácter progresista fundada polo empresario Antonio Fernández López. No 2006 obtivo ou Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa pola súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes

(Noticia en elaboración)