Os tíos

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE COCODRILO

CULTURA

Imagen de una prostituta que se maquilla en la barra de un bar
Imagen de una prostituta que se maquilla en la barra de un bar Jeffrey Arguedas | EFE

20 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñer etiquetas á evolución social é intrinsecamente inútil: para os optimistas, toda mudanza é un avance positivo mentres, para os pesimistas, aliñados co poeta, calquera tempo pasado foi mellor. Persoalmente, creo que moitos tópicos xestados ao lume de necios prexuízos esluíronse cos tempos e iso é intrinsecamente bo. Observando a habelencia comercial do pobo chinés, que montou en España un emporio de negocios onde se vende de todo, aquilo de ser enganado como un chino semella fóra de lugar. Xa quixeran, por outra parte, as reas de rapaces que, despois de arriscaren o pelexo, descenden todos os días dos caiucos en Canarias poderen traballar como negros, pois iso significaría que conseguiron un traballo. Nesta liña de casposos símiles salienta un ao que profeso especial aversión: o oficio máis vello do mundo, propio dun patriarcado atávico no que o home atribúe a condición de oficio á venda feminina do sexo, obviando que hai un oficio aínda máis vello, o de puteiro. Non foi, en orixe, unha muller quen ofreceu a un home o seu sexo por diñeiro senón este quen llo pediu a aquela; ergo, hai putas porque hai puteiros e o día que estes deixaran de existir a prostitución feminina desaparecería. E é que, tamén en asunto de tanta transcendencia, contamos no país cunha excelente e sabia metáfora: o home e o pipote pérdense polo billote. Vexamos. Recentemente, Lily Philips, estrela da pornografía de vinte tres anos, para unha aberración on-line que se chama Onlyfans, copulou no mesmo día con cen individuos, mentres un youtuber gravaba a cousa. O quid do fenómeno non é, para min, que Philips se ofrecese senón que cen tipos aceptasen.

Por razóns que non fan ao caso, busquei información recente sobre o prestixioso lingüista americano John Searle, nacido en 1932. Ademais da fría información académica que eu agardaba sobre un intelectual deste talle, wiki participoume que en xuño de 2019 a reitoría da Universidade de California en Berkeley atopou a Searle culpable de acosar sexualmente unha exalumna e outros membros do seu persoal en 2016, tras o cal foi privado da súa condición de emérito, unha peniña. En fin, que tal vez como parte da revolución sexual en curso, os tíos teriamos que facérnolo mirar.