O filme galego «Deuses de pedra», rodado ao longo de 15 anos, estréase no Festival de Cine de Róterdam
CULTURA

O documental sobre a vida na raia é a primeira longametraxe do director ourensán Iván Castiñeiras
30 ene 2025 . Actualizado a las 22:12 h.O documental Deuses de pedra, filmado ao longo de quince anos, estrearase o luns 3 de febreiro no IFFR (Festival Internacional de Cinema de Róterdam), que tamén acolle este sábado a presentación mundial de Ariel, o novo traballo de Lois Patiño. Trátase da primeira longa do realizador ourensán Iván Castiñeiras e reflicte o paso da infancia á idade adulta de Mariana nunha comunidade rural situada na raia.
A sección Bright Future acollerá Deuses de pedra, un documental de creación coproducido por España, Portugal e Francia e que é, como a película de Patiño, un dos tres títulos españois que se estrean nesta cita dos Países Baixos.
Deuses de pedra foi rodada entre o 2008 e o 2023 na fronteira máis antiga de Europa. Nunha das súas últimas escolas rurais, Mariana, unha nena de catro anos que crece entre contos, lendas e historias locais, descobre a vida a través das ensinanzas da súa mestra. A medida que medra, os relatos e o paso do tempo moldean a súa visión do mundo, ata que, aos 18 anos, se enfronta a unha decisión crucial: deixar a aldea, como fixeron os seus irmáns, ou quedar coa súa nai, Cinda, que durante anos tivo que asumir varios traballos para manter a familia. A través de Mariana, o director ofrece unha mirada calidoscópica do territorio nos lindes: o contrabando, a emigración, as tradicións, o que cambia e o que permanece. Así, relata a produtora, preséntanos un retrato íntimo e poético que explora a relación entre o pasado e o presente, o arraigamento e o cambio.
Deuses de pedra nace do retorno de Castiñeiras á súa casa de infancia, no concello da Mezquita, na chamada raia seca, co desexo de redescubrir a idiosincrasia dun lugar que vive á marxe do progreso, e de entender os seus límites, as súas fisuras e os seus costumes ancestrais a punto de desaparecer. Un lugar onde conviviron figuras épicas: contrabandistas, emigrantes, gardas fronteirizos, guerrilleiros... encarnadas por familiares e veciños do director, ata a abolición das fronteiras europeas no 1995.
Foi o encontro coa familia de Cinda o que lle permitiu quedar e reencontrarse con ese lugar. Ela, o seu marido e os seus fillos, habitantes da pequena aldea de Moimenta (Portugal), convertéronse nos principais protagonistas.