Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día
A torre de Hércules, iluminada coa cor verde polo día de San Patricio, patrón de Irlanda.
A torre de Hércules, iluminada coa cor verde polo día de San Patricio, patrón de Irlanda. César Quian

11 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

i a sabedoría popular que os trevos de catro follas dan boa sorte a quen os atopa, e non vou ser eu quen discuta semellante crenza. Certo é que non son bos de atopar. A ciencia indica que de cada dez mil con tres folíolos tan só aparece un de catro. Ao longo da miña vida fun atopando uns cantos, que gardei con moito coidado entre as follas de libros para que perdurasen no tempo, mais cheguei ao convencemento de que é mellor deixalos no seu medio, xa que a sorte, se ten que vir, virá igual. A etimoloxía da palabra trevo procede do latín trifolium (tres follas), e son arredor de 300 as distintas especies recoñecidas. Moitas veces confundimos os trevos coas Oxalis, que son moi similares aínda que de familias diferentes. As dúas plantas son trifoliadas, pero, mentres o trevo ten as follas de forma ovalada, as de Oxalis son en forma de corazón: con esa característica podemos chegar a distinguilos con claridade.

Nestas alturas do ano, en febreiro, dende a miña fiestra, xa podo ver como algúns campos comezan a cubrirse co manto e os matices característicos destas plantas. En Galicia hai unhas cantas variedades autóctonas que nalgúns casos ata poden ter propiedades medicinais para tratar determinadas doenzas. Tamén pode ser un magnífico forraxe para a alimentación gandeira, e incluso algunha das súas especies é considerada como importante planta melífera.

Na Irlanda, o trevo é un dos símbolos nacionais máis recoñecidos. Empregado como elemento simbólico de loita na guerra de independencia contra os ingleses, unha antiga lenda narra que o propio san Patricio, patrón da illa, na súa evanxelización, explicoulle o misterio da Santísima Trindade aos celtas pagáns empregando as tres follas da planta como exemplo: Pai, Fillo e Espírito Santo. Aínda que aquí, en Galicia, non é un símbolo recoñecido popularmente, o trevo aparece en varios armoriais franceses do século XV, que representaban o escudo propio de Galicia. Nestes casos aparece o cáliz de ouro ou prata como peza central e, no canto das sete cruces que hoxe coñecemos representando as provincias históricas galegas, aparecían trevos en distinto número. Agora só falta saber por que mudaron os trevos polas cruces, aínda que poderiamos imaxinalo.