
Son bastantes os letraferidos que me teñen preguntado pola Academia Literaria de Rianxo, esta non nata institución cultural, deseñada a fins do 2004. Unha das letraferidas mesmo puxo na miña man unha páxina de La Voz de Galicia do 22 de maio do 2005 (edición de Barbanza) con este titular: «De la Vega [a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega] anuncia que impulsará la Academia literaria de Rianxo». A mesma páxina acolle esta declaración da entón vicepresidenta do Goberno, proferida en Rianxo: «Rianxo representa el futuro de Galicia, porque en él está inscrito un pasado sin acabar sobre el que es posible revisar nuestra memoria». Noutro lugar, o xornal refírese aos «tres intelectuales que promovieron la iniciativa, Isaac Díaz Pardo, Alonso Montero y Xosé Luís Axeitos»; tamén se sinala que un capítulo fundamental do proxecto é a adquisición, con dimensión política, «de las tres casas natales de Castelao, Rafael Dieste y Manuel Antonio».
Ano e medio despois, La Voz de Barbanza (28-12-2007) informa sobre a compra, polo Concello, da casa de Dieste con fondos do Ministerio de Cultura, xa adquirida, no 2006, a de Manuel Antonio. O xornalista engade que o alcalde, Pedro Piñeiro, estaba en conversas cos herdeiros de Castelao.
Xa aquí, cómpre facer unha precisión sobre a Academia Literaria de Rianxo, que así se chamaba a non nata institución no borrador programático que eu redactei e do que existe un exemplar mecanoscrito no ALXAM (Biblioteca da Deputación de Ourense). Na idea inicial tratábase dunha academia que convocaría, como membros numerarios, os estudosos do exilio galego do 36-39, nomeadamente do exilio literario, moi presente na obra intelectual dos tres iniciadores. Tal institución tería a súa sede oficial en Rianxo, berce de dúas personalidades egrexias do exilio literario galego. A idea, logo algo matizada, foi acollida con entusiasmo polo alcalde Piñeiro, como acolleu canta actividade, que foron moitas, sobre Castelao, os seus curmáns, Dieste, etcétera. Dalgún xeito, está presente na Biblioteca del Exilio, creada por Abelardo Linares (Sevilla) e Díaz Pardo (Santiago).