Henrique Monteagudo, figura de consenso para ser o novo presidente da RAG
CULTURA

Contaría cun apoio maioritario na institución que abranguería as distintas sensibilidades
16 mar 2025 . Actualizado a las 10:48 h.A día de hoxe, Henrique Monteagudo é o académico mellor situado para ser elixido presidente da Real Academia Galega. O vicesecretario da institución xorde coma un candidato de consenso porque contaría cun apoio maioritario dentro da institución, un respaldo que abranguería as distintas sensibilidades presentes nos últimos anos, segundo indican fontes consultadas próximas ao proceso electoral da RAG.
Monteagudo (Esteiro-Muros, 1969), catedrático de Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago, pasa deste xeito á primeira fila, pero acumula anos de traballo na academia. Ingresou o 25 de febreiro do 2012 a proposta de Xosé Luís Axeitos, Darío Xohán Cabana e Antón Santamarina. «Facer país co idioma: sentido da normalización lingüística» foi o seu discurso. Investigador do Instituto da Lingua Galega desde 1981, forma parte do seu consello científico desde 1995 e o seu perfil pode ser considerado o máis idóneo polos membros da RAG neste momento no que se debate sobre un futuro pacto estratéxico polo galego dar pulo ao uso da lingua na comunidade. Nunha entrevista publicada recentemente en La Voz, subliñaba a necesidade de «ir a un modelo de ensino máis flexible en canto á presenza do galego, adaptado aos contextos e demandas sociais», apuntando que hai moitas familias que queren máis docencia na propia lingua para os seus fillos.

O sentir de moitos na RAG nos últimos tempos é que o natural é que non tarde en chegar unha presidenta, pero o certo é que una candidatura feminina non parece probable a estas alturas. Algunhas voces apuntaron a Margarita Ledo Andión como posible opción xa en ocasións anteriores, pero parece complicado que a xornalista e cineasta poda desenvolver ao mesmo tempo a súa intensa carreira profesional, na que está centrada, e o labor inherente á presidencia da academia.
Os prazos electorais
Precisamente, a Margarita Ledo é a quen lle corresponde poñer en marcha o proceso electoral do que sairá a nova executiva da RAG.
O prazo para as candidaturas ábrese mañá, luns, e pleno da elección vaise celebrar o 4 de abril. De acordo coa normativa da institución, entrementres a académica ocupará interinamente a presidencia.