

































«As Neves» foi outra das vencedoras da noite sumando tres galardóns
16 mar 2025 . Actualizado a las 08:59 h.Lalín brillou como nunca coa gala dos Premios Mestre Mateo, que na súa XXIII edición fuxiu das grandes urbes para celebrar a festa do audiovisual galego no corazón da comarca de Deza, demostrando que os espazos rurais son igualmente aptos para acoller citas de referencia. Unha noite histórica na que a serie Rapa foi a grande triunfadora con once premios dos 18 aos que optaba. Tamén destacou As Neves, que conseguiu tres estatuíñas.
A serie dirixida por Jorge Coira e Javier Cámara, producida por Portocabo TV e Movistar Plus, fíxose por terceiro ano consecutivo co galardón a mellor serie de televisión. A dupla de directores foi recoñecida co premio á mellor dirección, namentres que os seus creadores, Pepe Coira e Fran Araújo, recibiron o de mellor guión.
Rapa, a gran favorita da noite, foi sen dúbida a obra máis premiada. Este thriller rodado na comarca de Ferrolterra tamén tivo un grande impacto nas categorías de interpretación. Mónica López levou o premio á mellor interpretación feminina protagonista; Darío Loureiro na modalidade masculina; e Diego Anido foi elixido o mellor actor de reparto.
Pero o éxito de Rapa non quedou aí. Nas categorías técnicas levouse o recoñecemento a mellor dirección de fotografía (Jaime Pérez), mellor dirección de produción (Ana Míguez), mellor montaxe (Gaspar Broullón, Lu Rodríguez e Jorge Coira), mellor maquillaxe e perruquería (Fanny Bello e Gemma Márquez) e mellor música orixinal (Xavi Font).
Homenaxe a Encarna Alonso
A longametraxe As Neves, de Sonia Méndez, foi outra das vencedoras da noite lalinense coa estatuíña a mellor longametraxe. Tamén venceu na categoría de mellor interpretación feminina de reparto polo papel de Lucía Veiga, quen recolleu o seu terceiro Mestre Mateo consecutivo. David Machado —que tamén repetiu coma gañador—, Javier Pato e Daniel Fernández lograron o de mellor son.
Por outra banda, o equipo de Tratamos demasiado bien a las mujeres fíxose cun dobre galardón na noite do audiovisual galego co premio a mellor vestiario, para Maite Tarilonte, e o de mellor dirección de arte, que acabou en mans de Curru Garabal.
Entre recoñecemento e recoñecemento, houbo un momento emotivo, coa entrega do Premio de Honra á script Encarna Alonso, quen recibiu o galardón das mans do cineasta Carlos Amil. A Academia recoñeceu o seu labor fundamental para garantir a continuidade, a coherencia e a fidelidade do relato visual e narrativo.
Nas categorías de curtametraxes, as premiadas foron Pura, de Carmen Méndez, que obtivo a estatuíña a mellor curtametraxe de imaxe real, e Eu vou conmigo, de Abano Producións, gañando na categoría de curtametraxe de animación.
«Historias de aquí»
O premio a mellor realización recaeu nesta edición na figura de Marcos Nine por Historias de aquí, producida por Voz Audiovisual. Outro gañador foi Juan Fuentes, que levou a estatuíña a mellor comunicador por Quen anda aí? Ademais, o Real Club Celta de Vigo e Verve Creative Group obtiveron o premio a mellor anuncio publicitario por Non pode ser máis de aquí.
Finalmente, cabe destacar o recoñecemento á obra dirixida por Zeltia Outeiriño e producida por Sétima e Ringo Media, coa participación da TVG, Filmei paxaros voando, galardoada co premio a mellor documental. Pola súa banda, Recollendo músicas gañou o de mellor programa e Poscoito levou o de mellor serie web. Na categoría de mellor videoclip Mondra e Adela Otero saíron vencedores polo seu traballo, Marimondra.
Banda sonora
A banda sonora da gala dos Mestre Mateo correu a cargo do artista de Catoira, Baiuca, quen acompañado por Aliboria deu a coñecer o seu novo proxecto musical, Barullo. A gran noite do audiovisual galego foi conducida de xeito maxistral por Teté Delgado, mestra de cerimonias, e presenciada dende o Lalín Arena por preto de 1.500 persoas, que segundo indicou Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, foron os segundos Mestre Mateo máis multitudinarios da historia.
Cerimonia reivindicativa cun berro contra Altri
A concesión do aval ambiental por parte da Xunta ao proxecto de Altri atopou unha oposición frontal entre os membros do audiovisual galego presentes no Arena, que aproveitaron a cerimonia para amosar a súa preocupación e o seu descontento.
Unha gran parte dos asistentes chegou ao recinto ataviado con chapas ou con adhesivos que rezaban: «Altri Non». De feito, no exterior do pavillón houbo persoas que se achegaron a repartir estes distintivos. Durante a entrega de premios houbo varios momentos nos que o Arena berrou ao unísono consignas contra a fábrica, sendo tamén rexeitada a maioría dos premiados.
Por outra banda, a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, tamén expresou a súa negativa. «Garantizo que dende a nosa posición estamos radicalmente en contra destes proxectos que coñecemos ben en Galicia e que sempre rexeitamos», dixo.
Palmarés
-Anuncio publicitario: «Non pode ser máis de aquí», RC Celta e Verve Creative Group
-Curtametraxe de imaxe real: «Pura», Carmen Méndez
-Curtametraxe de animación: «Eu vou comigo», Abano Producións
-Documental: «Filmei paxaros voando»Sétima, Ringo Media coa participación da TVG
-Longametraxe: «As Neves», Cósmica Producións, Aquí y Allí Films coa participación da TVG
-Programa: «Recollendo músicas», Undodez para Televisión de Galicia
-Serie de TV: «Rapa», Movistar+, Portocabo TV, S.L.
-Serie web: «Poscoito», Héctor Rodríguez
-Videoclip: Marimondra, Mondra e Adela Otero
-Comunicador/a: Juan Fuentes, de «Quen anda aí?»
-Dirección: Jorge Coira e Javier Cámara, por «Rapa»
-Dirección de arte: Curru Garabal, por «Tratamos demasiado bien a las mujeres»
-Dirección de fotografía: Jaime Pérez, por «Rapa»
-Dirección de produción: Ana Míguez, por «Rapa»
-Guion: Pepe Coira, Fran Araújo, por «Rapa»
-Interpretación feminina de reparto: Lucía Veiga, por «As Neves»
-Interpretación feminina protagonista: Mónica López, por «Rapa»
-Interpretación masculina de reparto: Diego Anido, por «Rapa»
-Interpretación masculina protagonista: Darío Loureiro, por «Rapa»
-Maquillaxe e perruquería: Fanny Bello, Gemma Márquez, por «Rapa»
-Montaxe: Gaspar Broullón, Lu Rodríguez, Jorge Coira, por «Rapa»
-Música orixinal: Xavi Font, por «Rapa»
-Realización: Marcos Nine, por «Historias de aquí»
-Son: David Machado, Javier Pato, Daniel Fernández, por «As Neves»
-Vestiario: Maite Tarilonte, «Tratamos demasiado bien a las mujeres»