
Este meu artigo de hoxe son palabras de homenaxe e gratitude a un cidadán galego que dedicou oito anos da súa vida intelectual a un labor impecune dentro dunha institución esencial na definición e promoción da cultura literaria de Galicia, sempre en detrimento das dimensións creativas de quen asumiu esa responsabilidade por compromiso coa causa cultural do país. Non son estas, felizmente, palabras elexíacas, pois o protagonista dese inxente labor, á beira de cumprir 74 anos, aínda está en óptimas condicións para ofrecernos achegas de entidade, as agardables en quen foi, antes do ano 2017, un nome moi importante na narrativa e no xornalismo literario de Galicia e un espírito preclaro e eficaz na edición de libros nun país, en boa parte, configurado polos libros e polas palabras.
O venres pasado, 14 de marzo do presente ano, cesou, por imperativo legal, como presidente da Real Academia Galega, o escritor, xornalista e editor Víctor Fernández Freixanes, quen entregou a totalidade da súa vida intelectual, no longo período de oito anos, a implicarse na causa da «defensa e ilustración» do idioma galego desde unha institución difícil de xestionar por circunstancias varias e porque, en boa medida, vive da esmola oficial de certos organismos públicos, non sempre convencidos da necesidade e importancia desta casa que, desde 1906, agarima, dun xeito ou doutro, o lume sagro da voz do pobo e das voces que estiveron nesa causa espiritual.
O cidadán Freixanes renunciou nestes oito anos a aquilo que, no ámbito individual, constituiría a súa plena realización intelectual. Por unha causa. Sería inxusto non ter en conta ao equipo directivo que o acompañou, que están na mesma idea e no mesmo compromiso. Algunhas desas persoas fixeron unha boa parte do traballo académico nos catro anos en que fun presidente, presidencia que unha circunstancia inédita me asignou, xa eu bastante maior. A sociedade galega e certas institucións deberían saber —e ter en conta— que o país, mal que ben, vai adiante polo labor de xentes que aínda militan, como diría Ramón Otero Pedrayo, na causa do Espírito.