
O músico Xabier Díaz compila en «Cancioneiro galego serodio 1989-2012» máis de 600 coplas da canción popular
22 mar 2025 . Actualizado a las 09:41 h.Pasar ao papel unha parte importante do cancioneiro popular galego, un inmenso corpus lírico documentado a base de recollidas e informantes. Esa era a idea que Xabier Díaz tiña na cabeza e que precisaba un impulso. Chegou coa declaración do Día das Letras Galegas deste ano, dedicado ás cantareiras. «Ese foi o detonante para poñerme mans á obra», asegura o músico e investigador. O resultado é o Cancioneiro galego serodio 1989-2012, volume que pecha a súa particular homenaxe ás cantareiras, esas mulleres que foron e seguen sendo gardiás da tradición oral de Galicia.
Detrás deste libro, que se acompaña dun cedé con 45 pezas, hai máis de dúas décadas de traballo de campo polas aldeas galegas. O autor prefire chamalo doutra maneira: «O que hai, sobre todo, é amor. Un amor case posadolescente, o dun mozo de 19 anos que recibe un impacto importante ao descubrir ese mundo do que nada sabía ata entón», sinala. Navegando polas arterias do sistema circulatorio da cultura popular do país, Díaz chegou a acumular unhas 1.500 coplas. De aí fixo una escolma coas 600 que conforman o libro: «Na selección houbo criterios de lingua. Procurei que todas fosen coplas galegas. Tamén que achegasen algo ao conxunto do resto dos cancioneiros, deixando fóra aquelas que resultasen moi similares a outras».
Este catálogo reafirma unha idea que Díaz e todas as persoas que traballaron neste terreo defenden desde hai anos e que agora ten o recoñecemento institucional: «Hai algo indiscutible aquí —subliña o autor—. As mulleres foron as transmisoras fundamentais da tradición oral. Este corpus lírico é unha parte importantísima do patrimonio inmaterial desde país e viaxou na memoria das mulleres. Non penso que iso sexa realmente coñecido. De feito, este recoñecemento por parte da RAG chega agora e temos que celebralo, claro. Pero, para un amante do folclore coma min, chega tardiamente. Non creo que haxa un recoñecemento social aínda. E iso é un deber que ten todo o país».

Nese sentido, Xabier Díaz sinala que o foco non debe quedar só na idea da música, senón que ten que abarcarse con moita máis amplitude. «Na gratitude con elas estamos en negativo —opina—. A xente, e a sociedade en xeral, sabe que había unhas mulleres que cantaban nas aldeas e patatín patatán, pero seguramente non saben que a transmisión dese patrimonio é fundamental para a construción da idea que dicía Álvaro Cunqueiro do que é ser galego. A construción do que somos está implícita nese material. Aí se fala de todo. De todos os nosos trazos, os comportamentos vitais, os nosos hábitos de socialización e a nosa relación co medio ambiente. Todo iso está aí escrito, e a sociedade non é consciente de toda esa sabedoría e esa escola».
Todo isto ocorre nun momento no que unha formación como Tanxugueiras levou esa tradición a unha dimensión mainstream. Díaz emociónase falando deste presente: «Están representando moi dignamente ese amor a todas estas mulleres. Dalgunha maneira están levantando a pandeireta en nome de todas as tataravoas e bisavoas. Estano facendo dunha maneira brillante e fachendosa, axudando a unha autoestima colectiva que vai moito máis aló da música. Encántame saber que todo iso está construído cos pés chantados nunha terra que foi fertilizada por todas estas mulleres. É unha ida moi romántica».
Presentación adiada
Onte estaba prevista a presentación de Cancioneiro galego serodio 1989-2012 en Santiago, pero por problemas de saúde de Xabier Díaz tivo que adiarse. Ao longo da próxima semana anunciarase a nova data e outras presentacións.