
Préstame moito facer o paseo que descorre entre a praias de Valcovo e Alba, ambas as dúas no concello de Arteixo. Nesta importante porción de costa desenvolveuse parte da miña vida e semella que nela seguirei. Aquí están probablemente algunhas das praias máis perigosas do litoral galego, ao tempo que tamén fermosas, agrestes e únicas. Hai uns días, camiñando neste treito de costa, puiden escoitar e observar una parella de aves que me trouxeron lembranzas.
Aínda que viviamos na Coruña, ao meu pai gustáballe moito vir pescar por esta zona, e eu, sempre que podía, acompañábao. Con el compartín fermosos momentos de aprendizaxe das artes da pesca de cana, e tamén estimulei os meus sentidos coa natureza que nos arrodea. Pola pesca coñecín boa parte dos peixes que habitan este mar, e por pescar dende esta costa coñecín tamén moitas das aves que nela son habituais. Foi así como no paseo do outro día volvín atoparme coas choias de bico vermello (Pyrrhocorax pyrrhocorax), uns paxaros da familia dos córvidos moi doados de identificar, xa que tanto o seu peteiro coma as súas patas son de cor vermella.
En Galicia pódense atopar fundamentalmente nas áreas litorais da Coruña e Lugo, sendo quizais nos cantís da Costa da Morte onde máis abunden. Tanto o seu canto coma o seu xeito de voar son ben singulares, mais non son doadas de ver e, por desgraza, as poboacións están en clara regresión.
A casual observación das choias levoume a investigar un pouco, e descubrín que están directamente relacionadas co santo Tomás Becket, arcebispo de Canterbury. Un home portador dunha longa e fascinante historia cuxo brasón porta tres choias. A lenda conta que cando Thomas Becket foi asasinado en 1170 na catedral de Canterbury, un corvo entrou no templo e camiñou sobre o charco de sangue que brotaba do seu cadáver e tinguiu de vermello tanto as súas patas coma o seu peteiro; así, deste xeito, converteuse nunha choia. O santo Tomás Becket tamén ten vínculos con Galicia. Din que en 1167 peregrinou a Compostela polo Camiño Portugués da Costa e pasou por Caldas, onde se hospedou. Alí ten unha importante igrexa dedicada a el, entre moitas outras por distintos lugares da Península.