Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Antón Reixa e Kirenia M. Acosta funden versos e danza para explorar o desexo

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Antón Reixa e Kirenia M. Acosta presentaron en Santiago a proposta escénica «Cicatriz».
Antón Reixa e Kirenia M. Acosta presentaron en Santiago a proposta escénica «Cicatriz». Paco Rodríguez

O polifacético artista debuta nas artes do movemento coa montaxe «Cicatriz» sobre o seu poemario

25 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Cando a coreógrafa Kirenia Martínez Acosta lle propuxo ao escritor, músico e cineasta Antón Reixa empregar os versos do seu libro Cicatriz, o polifacético artista non se imaxinaba que iso significaría engadir tamén unha nova disciplina ao seu diverso currículo: a danza contemporánea. Porque a proposta non se cinguía a que a coreógrafa deseñase unha montaxe a partir das súas palabras, senón que a intención era que o autor participase tamén na peza de xeito activo e non para quedar sentado. «Díxome que tiña que estar en escena. Eu pensei que era estar recitando, pero non era iso: tiña que estar bailando e facéndoo con certa dignidade», contaba onte o artista. Agora, o resultado desa fusión de poesía e danza contemporánea —na que tamén haberá teatro, performance, instalación e música— estrearase este venres na sede da Fundación SGAE en Santiago (20.30 horas, sala Coppini, 15 euros), onde volverán repetir un día despois, o sábado.

A peza profunda no ámbito da inclusión e na aposta contra o idadismo. Reixa cualificou o proxecto «de risco», lembrando que o afronta a piques de cumprir 68 anos e cunha discapacidade física recoñecida do 65 % despois dun accidente que sufriu no ano 2016. Con esta proposta, Kirenia M. Acosta tamén quere amosar que a danza non é exclusiva da mocidade nin do virtuosismo técnico, senón patrimonio do corpo que sente. «Tratábase de traballar coa miña rigorosidade cunha persoa con discapacidade física», explicou a coreógrafa. Deste xeito, a peza convértese na primeira coprodución de danza inclusiva do Centro Coreográfico Galego, que colabora nesta iniciativa producida por Kirenia Danza e Artestudio. Incidindo nese aspecto, o artista vigués apuntou que «non hai que mirar tanto para os límites: a danza contemporánea é sobre todo emoción, e pode ser portador dela calquera persoa».

Cicatriz é a translación á danza de trescentos versos que comezan pola palabra quero. «O que expresan é que o desexo é o motor da vida, porque, cando non desexamos nada, estamos quebrados», dixo Reixa. Á hora de deseñar a peza, Kirenia M. Acosta intentou «que Cicatriz non fose solo de Antón [Reixa], senón que fose miña, e crear unha cicatriz nova xuntos, unha cicatriz entre a danza e a poesía». Para iso, traballaron durante catro meses, nos que a coreógrafa marcou as pautas deste proxecto no que se abordan tamén temas tan universais coma o paso do tempo, o risco vital e a honestidade emocional.

PACO RODRÍGUEZ

A preparación da peza supuxo todo un proceso formativo para Reixa. «Aprendín que a danza contemporánea ten que ver moito co teatro, algo que me vai salvando», confesou o artista, para engadir que debía de ser a primeira vez que non facía outra cousa ca ensaiar nun proxecto. Pero non é o único coñecemento que extrae. «Facendo danza tamén aprendín moito da miña literatura e do corpo. Isto tamén é terapéutico, estou moito mellor ca hai catro meses», afirmou. Pola súa banda, Kirenia M. Acosta asegurou que había tempo que non traballaba con alguén «tan fascinado pola danza», o que, para ela, foi un aliciente máis.

Ademais de en Santiago, xa teñen representacións pechadas en Alemaña e Portugal. O seu propósito é tamén amosar a montaxe en diversos lugares de Galicia. O director da Agadic, Jacobo Sutil, que acompañou a Kirenia Martínez e a Antón Reixa, salientou que a coprodución Cicatriz incide en liñas de actuación nas producións galegas relevantes para a Xunta, como son a inclusión e a internacionalización.