Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Falece o académico, historiador, escritor e tradutor Xoán Bernárdez Vilar

Marcos Gago Otero
Marcos Gago PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

Xoán Bernárdez Vilar nunha foto do ano 2010 con motivo da súa asistencia á Semana de Literatura Histórica en Ourense
Xoán Bernárdez Vilar nunha foto do ano 2010 con motivo da súa asistencia á Semana de Literatura Histórica en Ourense MIGUEL VILLAR

A Real Academia Galega expresa «o seu fondo pesar» polo pasamento en Vigo deste marinense que traduciu os Evanxeos ao galego

25 mar 2025 . Actualizado a las 18:20 h.

A Real Academia Galega expresou este martes o seu «fondo pesar» polo pasamento do historiador, escritor e tradutor Xoán Bernárdez Vilar, que naceu en Marín en 1936 e faleceu a pasada madrugada en Vigo, onde residía dende 1952. Na súa semblanza biográfica facilitada pola Real Academia Galega destácase que colaborou no programa de radio Raíz e Tempo desde 1965 e durante dez anos, sendo o primeiro en galego emitido en Galicia despois da Guerra Civil. Bernárdez Vila «devenvolveou unha vizosa carreira como autor de novelas e ensaios sobre diversos temas históricos que mereceron numerosos galardóns» e era membro da Real Academia Galega desde o 2003.

Traballou en Caixanova desde 1957, onde coñeceu a Xaime Isla Couto, quen lle abriu a porta para relacionarse coa intelectualidade galeguista. Entre 1964 e 1968 dirixiu o semanario Galicia Social, donde publicou a súa tradución dos Evanxeos ao galego. En 1965 foi cofundador da Asociación Cultural de Vigo e, entre ese ano e 1975, colaborou co programa Raíz e Tempo, dirixido por Xohana Torres. Neste primeiro espazo fíxose cargo duns 800 episodios sobre a historia de Galicia, que se emitiron nesta cadea e en Radio Ecca.

Bernárdez Vila dirixiu Latexo, a revista dos empregados de Caixanova, entre 1966 e 1970 e de 1993 a 1997. Á súa xubilación anticipada, a causa da fusión das caixas do sur de Galicia, doutorouse en Historia, «carreira que cursara tamén serodiamente, coa tese O extraordinario mundo da 'Oda Marítima'.

A Real Academia Galega incide en que, como escritor, Xoán Bernárdez Vilar «cultivou unha narrativa de carácter histórico con títulos como Un home de Vilameán. Anatomía da Revolución Irmandiña (1975), distinguido co premio do Padroado da Cultura Galega de Montevideo; ¡Ouveade, naves de Tarish! (1983); Vento do Norte, vento do Sul (1985), No ano do Cometa (1986), gañador do Premio Xerais; ¡Xerusalén, Xerusalén! (1992); e Big-Bang (1993) ou A Saga da Illa sen noite (2001), sendo estes dous últimos títulos recoñecidos co premio Concello de Vilalba.

Na súa faceta de historiador publicou numerosos traballos. Entre eles: Pescudas nas orixes do mito de Tristán e Isolda (1986); Antes da invención de América. Navegacións precolombinas do século XV (2001), A arte ó servicio do poder. Vidas palalelas Alexandre-Augusto (2001); A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile (2002), título co que gañou o premio Taboada Chivite do Concello de Verín. Tamén escribiu O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma (2003), que foi galardoado co premio de Historia Medieval da editorial Toxosoutos; ademais de O rei Artur. Mito e realidade (2005), finalista do premio Ramón Piñeiro de Ensaio, e O extraordinario mundo da 'Oda Marítima' (2013).

Como tradutor recibíu o premio Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela no 2004 pola tradución de Idacio Lémico: Chronica (379-469) e co premio de tradución da Universidade de Vigo no 2004 por Chronica Hermerici.