A Real Filharmonía de Galicia interpreta unha obra da compositora vasca Helga Arias, estrea en España
CULTURA

A peza, «I breathe every sound you leave behind», unha encarga conxunta da orquestra compostelá e a Basel Sinfonietta, poderá escoitarse en Santiago e en Ferrol
26 mar 2025 . Actualizado a las 20:55 h.Dentro do programa Novos territorios, a Real Filharmonía de Galicia estreará —en España— a obra da compositora vasca Helga Arias (Bilbao, 1984) I breathe every sound you leave behind, unha reflexión sobre como a sociedade trata a sexualidade feminina e como esas dinámicas afectan non só á forma en que as mulleres expresan o amor e o desexo, senón tamén como experimentan os seus propios corpos e identidades, detalla a orquestra. A peza —unha encarga conxunta da Real Filharmonía e a Basel Sinfonietta— poderá escoitarse en Santiago, este xoves, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia, e en Ferrol, ao día seguinte, venres, á mesma hora, no Auditorio de Caranza. Seguindo coa proposta da actual temporada, Inconformistas, a idea é presentar ao público unha mestura de autores que buscan transcender o obvio e por iso, todas as obras que fan parte do repertorio xogan con elementos extra-musicais. A obra está inspirada no Poema nº 3 de Sonia Sanchez (Birmingham, Alabama, 1934), destacada poeta, escritora e profesora estadounidense, membro do coñecido como Black Arts Movement. Segundo explica Arias, a súa intención ao compoñer foi «resaltar o sentimento íntimo, retrospectivo e persoal do poema, ofrecendo aos oíntes unha viaxe sonora que se faga eco da súa silandeira intensidade e dos seus ecos marmulados».
Recentemente galardoado co 42.º premio Reina Sofía de composición musical —o xurado seleccionou a súa obra Metalepsis entre case oitenta partituras presentadas, o director Josep Planells Schiaffino (Valencia, 1988) estará á fronte da formación compostelá xunto a violista solista Sara Ferrández, unha intérprete enxalzada pola crítica polo seu cálido son e a súa naturalidade no escenario.
A Real Filharmonía de Galicia interpretará tamén a composición de Charles Ives, Washington’s Birthday. Nas palabras do propio autor, trátase dun intento de recrear «un día de festa como o que todo individuo conserva nos recordos da súa infancia». Tamén se escoitará a obra Harold en Italia, de Hector Berlioz, unha composición que está a medio camiño entre o poema sinfónico e o concerto para viola.
No caso de Santiago, este xoves, ás 19.45 horas, a sala Mozart do Auditorio de Galicia acollerá unha sesión do ciclo Conversando con…, onde os espectadores poderán escoitar aos tres protagonistas: director, compositora e solista. Schiaffino, Arias e Ferrández dialogarán co público para dar a coñecer o seu punto de vista e responder as súas preguntas.