Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

De Asorey, Díaz Pardo e Úbeda a «Mafalda»: a rede de museos da Xunta suma 60 mostras este ano

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

A mostra de Mar Caldas pode verse no CGAC
A mostra de Mar Caldas pode verse no CGAC XOAN A. SOLER

Aos proxectos expositivos uniralle máis de 160 actividades

28 mar 2025 . Actualizado a las 19:11 h.

Sesenta exposicións e máis de 160 actividades conforman as propostas deseñadas polos once museos da rede da Xunta durante este ano. Unhas iniciativas que se caracterizan pola diversidade. A mostras que poñen o foco na tradición galega e no patrimonio do país, con proxectos centrados en figuras senlleiras, únenselle creacións contemporáneas e iniciativas que permiten ollar máis alá das fronteiras. Nomes propios como os de Francisco Asorey, Isaac Díaz Pardo e Rafael Úbeda conviven co do creador de Mafalda, Quino. «É unha programación ambiciosa adaptada a realidade dos nosos museos», afirmou o conselleiro de Cultura, José López, resaltando a importancia das actividades dirixidas ao público máis novo para axudar «a formar o pensamento crítico».

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, debullou as principais propostas de cada museo nun acto celebrado en Santiago. No Museo Gaiás, que comezou o ano con Orixes, salientou a mostra sobre Asorey, que permitirá profundar a partir de outubro nun dos grandes renovadores da arte escultórica española do século XX. Antes, en abril, abrirá as portas unha retrospectiva sobre Rafael Úbeda. O CGAC, que arrancou o 2025 con mostras de Mar Caldas e de Concha Jerez e José Iges, continuará cunha protagonizada pola artista de Costa Rica Priscilla Monge. No Museo das Peregrinacións destaca Kumb Mela Prayagraj. Nela Manuel Valcárcel plasmará coas súas fotos o festival da India que congrega a más de 100 millóns de persoas en 50 días. Pola súa parte, un percorrido pola traxectoria de Isaac Díaz Pardo será o gran protagonista no Museo de Belas Artes da Coruña, que tamén lle dedicará un ciclo de conferencias a Maruja Mallo. Na actividade da Fundación Cela resaltará Me declaro feminista, unha mostra que poderá verse no colexio de Fonseca en Santiago no que amosará a relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo.

.

A principal proposta expositiva do Museo do Mar de Vigo chegará en setembro cunha recompilación de páxinas e viñetas do humorista Joaquín Lavado, Quino, vinculadas á música. Nela non faltará Mafalda. A Xunta prevé a inauguración no segundo semestre deste ano de novos espazos no Museo Massó de Bueu, onde lle dedicará unha sala a Urbano Lugrís. No caso do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, á espera do remate das obras por parte do Ministerio de Cultura, programaran unha mostra cos seus fondos na Casa de Galicia en Madrid. A obra de Jesús Madriñán e o surrealismo conforman as apostas do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Nesta localidade ourensá, o Museo do Viño abrirá en maio unha exposición temporal sobre a denominación de orixe. Por último, o Museo do Castro de Viladonga en Castro de Rei (Lugo) permitirá coñecer materiais arqueolóxicos da Idade de Ferro. Ademais, colaborará nunha mostra coa Domus de Mitreo polos 25 anos da declaración da muralla romana de Lugo como Patrimonio da Humanidade.