Festexando a Luis Seoane, o poeta que captou «as fendas do tempo detido das migracións»
CULTURA

A Real Academia Galega organizou un encontro literario ao redor da obra do artista na sede da súa fundación co gallo do Día da Poesía
27 mar 2025 . Actualizado a las 23:03 h.
«Seoane non escribiu o noso presente, pero soubo captar as fendas do tempo detido das migracións. Inaugura un arquivo de corpos desprazados, ateigados de vidas, onde o poema cumpre unha función intensificadora que rompe as inercias da lectura». Isto escribe a académica correspondente Helena González na plaquette titulada Luis Seoane. Unha ollada interartística desde o exilio e o compromiso. A profesora de literatura galega da Universidade de Barcelona foi unha das voces convidadas a dialogar na homenaxe homónima que acolleu este xoves a sede da fundación que divulga a obra do escritor e artista, a figura que a Real Academia Galega decidiu honrar este ano co gallo do Día da Poesía. O encontro foi unha conversa interdisciplinaria entre o legado do escritor e artista con autores de distintas xeracións. O público foi obsequiado con esta publicación que recolle ademais as achegas de Xesús Fraga, Carlos Negro, Alba Cid, Anxo Angueira, Oriana Méndez, Baldo Ramos e María do Cebreiro. A parte musical deste festexo encomendóuselle a Tino Baz, que escolleu para as súas cancións lembrar ao académico Bernardino Graña, falecido o pasado xaneiro.