
Hai días, o 17 de marzo, celebrouse en Vigo un acto literario que foi, polo elevado número de asistentes, un acontecemento social. Presentábase o libro de Perfecto Conde, recén editado por Galaxia, Carlos Núñez. O comunista que non foi gaiteiro. É un libro de conversas entre o coñecido xornalista e o cidadán que, desoíndo os consellos de súa nai, optou, desde moi novo, por vieiros tantas veces pouco melódicos, nomeadamente nos tempos de Franco, onde o labor do militante foi tan arriscado como eficaz. Lémbrese a histórica folga viguesa de setembro de 1972, na que Carlos, desde a clandestinidade, actuou como un dirixente esencial. Viría, logo, para el, o exilio en Francia e noutros países de Europa para evitar problemas, entre eles o da tortura, que coñecía ben. O libro sobre Carlos Núñez Rodríguez (Ourense, 1941) subtitulouno o entrevistador Conversas sobre unha militancia forxada en Moscova e París. As folgas de 1972, as torturas no franquismo, a fundación do PCG, o 23F e moito máis.
Xa exiliado, pasou, por obrigas do oficio, algún tempo en Italia, datas nas que foi hóspede, durante oito días, en Roma, na casa de Rafael Alberti e María Teresa León. O día 17, Carlos contou en Vigo algo que non explicitou no libro: a emoción de Alberti cando o exiliado ourensán lle comunicou que estivera preso tres anos no cárcere de Palencia, onde fora recluso o poeta Miguel Hernández, na mesma cela, por certo, a número 25. Contou Carlos que o poeta exiliado evocou a vida do infortunado poeta de Viento del pueblo e mesmo lle preguntou, ao seu hóspede, se aínda soaba naquela cela o eco dos grandes versos de Miguel Hernández. Eu xa lle oíra este relato a Carlos Núñez.
O que nunca lle oíra é algo case máxico que lle conta a Perfecto Conde: que, neno el e os seus dous irmáns, seu pai, don Albino Núñez (pedagogo represaliado), ás veces falaba á hora do xantar con tal didactismo de Carlos Marx e Federico Engels que o narrador conclúe que os dous sabios humanistas, nalgunha ocasión, asistían a eses xantares e tomaban, coa familia, unha taciña de caldo. Así explica Núñez Rodríguez o seu nome: Carlos.