Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Vindicando «El trueno dorado», a última obra de Valle-Inclán

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luis Iglesias Feijoo, catedrático emérito de Literatura Española da Universidade de Santiago (USC); as profesoras Concepción Burgo, viúva de Javier Serrano Alonso, e Margarita Santos, directora da cátedra Valle-Inclán; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de transformación dixital e innovación da universidade; Elías Feijó, decano da Facultade de Filoloxía, e Juan Luis Blanco Valdés, director de Edicións USC, na presentación de «El trueno dorado».
Luis Iglesias Feijoo, catedrático emérito de Literatura Española da Universidade de Santiago (USC); as profesoras Concepción Burgo, viúva de Javier Serrano Alonso, e Margarita Santos, directora da cátedra Valle-Inclán; Gumersindo Feijoo, vicerreitor de transformación dixital e innovación da universidade; Elías Feijó, decano da Facultade de Filoloxía, e Juan Luis Blanco Valdés, director de Edicións USC, na presentación de «El trueno dorado».

A USC publica unha edición facsímile da novela póstuma, por vez primeira, a partir dos orixinais manuscritos que deixou o autor, depurando inxerencias

28 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasará o tempo, só é cousa de agardar, ata que alguén se pare seriamente a medir o importante impacto do labor que ten feito (e segue a facer) a cátedra Valle-Inclán da Universidade de Santiago en canto a poñer en valor —en limpo, restaurando o brillo— a obra literaria do irrepetible xenio arousán. O traballo calado deste equipo académico dirixido por Margarita Santos Zas tense visibilizado en relevantes accións editoriais como a colección en catorce volumes que publicou e distribuíu La Voz de Galicia e a que levou ás librarías a Fundación José Antonio de Castro. E, ao mellor, sen tanto eco, a biblioteca específica do autor de Divinas palabras que promove Edicións USC, e que, pouco a pouco, vai levando á rúa.

Neste marco, vén de aparecer El trueno dorado, considerada a última obra de Ramón del Valle-Inclán, e que se presenta nunha edición facsímile realizada, por vez primeira, a partir dos orixinais manuscritos que deixou o autor, depurando inxerencias de mans alleas que se produciron na historia do texto. «A novela foi redactada durante a estadía de don Ramón en Santiago en 1935, cando, xa enfermo, se trataba na clínica compostelá do doutor Villar Iglesias. De feito, El trueno dorado, que durante anos pasou inadvertida, non viu a luz definitiva ata 1975», lembra Juan Luis Blanco Valdés, director de Edicións USC.

A presentación do libro coincide coa inauguración da exposición El trueno dorado de Ramón del Valle-Inclán —aberta no segundo andar da Facultade de Filoloxía ata o vindeiro 9 de abril—, e ambos os dous proxectos «conságranse —enxalza Blanco Valdés— á memoria do profesor Javier Serrano Alonso, insigne valleinclanista e responsable desta edición crítica de El trueno dorado, que el tiña a piques de rematar antes do seu prematuro falecemento en xuño do 2024».

No seu novo traballo, Serrano Alonso analiza as vicisitudes do proceso de escritura —nace dun episodio levemente desenvolvido na entrega inicial de El ruedo ibérico— e publicación desta novela valleinclanista, ofrecendo unha edición facsímile, diplomática e crítica en soporte de papel e en formato dixital.

En canto á mostra, céntrase en ilustrar, a través de imaxes e da documentación pertinente (manuscritos, debuxos, fotografías, edicións e outros materiais), a complexa historia do libro, no que Valle-Inclán traballou ata poucos días antes do seu pasamento, o 5 de xaneiro de 1936. A obra foi publicada post mortem —apenas dous meses despois— nas páxinas do diario madrileño Ahora.

O texto mantívose inaccesible durante case corenta anos, entre 1936 e 1975, e cando os investigadores o rescataron foi recibido como unha peza descoñecida. Tampouco serviu aquilo para rehabilitalo como correspondía, xa que só se ten estimado de modo ocasional pola crítica estudosa de Valle, e en xeral, subliña a USC, sempre se considerou como un apéndice pouco transcendente da súa rica produción. É así que o obxectivo desta edición é a vindicación da importancia da obra na súa integridade orixinal.