Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Son das Flores, a música que nace entre as gretas sociais

Javier Becerra
JAVIER BECERRA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un momento distendido de risas durante a gravación de Son das Flores nos Estudos Mans.
Un momento distendido de risas durante a gravación de Son das Flores nos Estudos Mans. MARCOS MÍGUEZ

Inspirada nas orquestras inclusivas venezolanas, a formación irradia luz a nenos en risco de exclusión. Acaban de facer a súa primeira gravación nos Estudios Mans

07 abr 2025 . Actualizado a las 11:37 h.

No mesmo espazo no que gravaron desde a Orquestra Sinfónica de Galicia a Iván Ferreiro, os nenos de Son das Flores forman un semicírculo. Encóntranse nos Estudios Mans da Coruña. Seguen as instrucións de Sandra Fernández, directora da formación e docente de música do CEIP Vicente Risco de Vigo. Empezan a cantar e tocar Xardín cantareiro, a peza que lles escribiu o músico José Prieto. «Aquí nesta orquestra cántase e tócase», di pouco despois a profesora ante os rostros interrogantes. Xunto a cinco mestres, encárgase de que outro soño máis saia adiante para estes rapaces.

Acaba a peza e hai unha chea de mans levantadas para contar un chiste. Unha nena lanza o seu. O resto escachan coa risa. Despois, outro compañeiro continúa neste club da comedia. É o modo de combinar a diversión coa disciplina que esixe un instrumento clásico nunha orquestra. Esta é un tanto especial. Focalízase no colexio do Barrio das Flores de Vigo, unha das zonas máis humildes da cidade. Alí asentáronse nos últimos anos moitas familias procedentes do estranxeiro. Moitas deixaban atrás miseria, pobreza, guerras, persecucións políticas e todo tipo de situacións penosas. «Temos nenos de Rusia, Ucraína, Senegal, Romanía... tamén de Sudamérica. Moitos de Venezuela, Perú, Colombia, Honduras, Ecuador... Ata vinte nacionalidades», indica Sandra.

0 seconds of 1 minute, 41 secondsVolume 90%
Press shift question mark to access a list of keyboard shortcuts
00:00
01:41
01:41
 
Pie de foto. Firma

Mbaye Seck Diop ten 13 anos. Chegou de Senegal no 2019. Non coñecía unha palabra de castelán, moito menos de galego. Agora fala un pouco do segundo mesturado co primeiro. «Isto é fantástico. A min encántame a música e quero estar aí sempre», expresa este violista que estuda sexto de primaria e aspira ser profesor de música. A venezolana Mía Vanessa López Reyes ten 11 anos. Vai no mesmo curso. Precisa que, ademais da orquestra, ás veces quedan ela, Mbaye e dúas compañeiras máis para tocar. Nesas sesións cambia o contrabaixo, o seu instrumento en Son das Flores, polo piano. Como é que nun colexio hai tantos músicos? «Penso que antes a música non era tan relevante, pero con Son das Flores, ao ser tan divertido e emocionante, todos queren estar aí», di. Os músicos son os máis populares do cole? «Si, si!», rin os dous.

A gravación, que se realiza nos estudios propiedade da Fundación Paideia Galiza, intégrase no seu programa de emprendemento social. Antes, a orquestra xa recibira apoio da institución mediante a compra de instrumentos. Na entidade namoráronse instantaneamente dun proxecto que transcende a música. Son das Flores ten incidencia na vida dos nenos que o integran, pero tamén no barrio no que residen, sostén Sandra. «Estase vendo unha transformación real e un fortalecemento da autoestima xeral —explica—. Nestas familias, ás veces, a autoestima está moi tocada, e iso reflíctese nos nenos. Moitos están nun círculo do que é difícil saír. Para nós, un dos aspectos importantes a traballar é a confianza e esa autoestima. Por exemplo, ir ao escenario e sentir o recoñecemento do público, para eles, é incrible. Ou mesmamente, cando van polo barrio co seu violín ou o seu cello ás costas, séntense apoderados. Iso é moi importante para que crean que as cousas con esforzo e traballo se poden conseguir. Hai moito traballo detrás».

Sandra Fernández dirixindo a orquestra infantil.
Sandra Fernández dirixindo a orquestra infantil. MARCOS MÍGUEZ

Vanessa fala do que acontece no seu corpo con eses aplausos: «Sinto que o corazón late, pero non de nervios, senón de ledicia». Tamén sinala a sona do grupo: «Fixemos moitos concertos, en Vigo e fóra; somos bastante famosos no barrio». O de gravar nos Estudios Mans confirma un logro. Outro foi ir ao programa de televisión Got Talent, unha desas ilusións dos rapaces que parecían imposibles e que se fixo realidade. «Tivemos catro sis e pasámolo xenial», apunta Mbaye. Lembra a incerteza que tiñan: «Era imposible o traslado de todos polo que custaba. Pero, ao final, botáronnos unha man», di. O Concello de Vigo pagou a viaxe, indica Sandra. «Dicíame un dos nenos: “Estes foron os tres mellores días da miña vida, non os vou esquecer nunca”. É que isto non só é música, son vivencias».

Impacto inicial e reacción

Como sempre ocorre nestes casos, a aprendizaxe vai en dúas direccións. Sandra admite que, de inicio, foi todo un baño de realidade: «Cando eu cheguei alí, atopeime cunha situación que eu, sendo de Vigo, descoñecía. Pensei que estas cousas non sucedían nas nosas cidades. Había moitos nenos que pola tarde non facían ningunha actividade extraescolar. A idea era crear no cole un espazo de ocio educativo. Que os nenos viñesen a estar con referentes adultos e a aprender cousas. A música era a desculpa, a ferramenta». Pensou no modelo das orquestras sociais venezolanas e adaptouno a ese barrio.

Funcionou, mostrándose como unha feliz anomalía cultural e social no lugar máis insospeitado. En Mans, eses nenos tocan, senten, rin, soñan. Cal é a seguinte ilusión? «Tocar fóra», di Vanessa. Algún lugar desexado? «Lugo», contesta Mbaye. «Si, queremos ir a Lugo», secunda Vanessa.