Rosa Aneiros, María Álvarez Landesa e Paula Carballeira acadan os premios Follas Novas
CULTURA

A Gala do Libro celebrada en Santiago tamén serviu para homenaxear á escritora Shahd Wadi, ao libreiro Rafael Silva e ao editor Manuel Bragado
27 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A décima edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego fala con voz feminina. As autoras acadaron a maior parte dos galardóns das trece categorías que se entregaron durante a gala celebrada onte no Teatro Principal de Santiago. Rosa Aneiros, con A noite das cebolas (Xerais), gañou o premio de narrativa; María Álvarez Landesa, con Os pozos elegantes das clavículas (Alvarellos), o de poesía; e Paula Carballeira, con Ubasute (Galaxia), o de teatro.
Pero non foron as únicas distinguidas nesta Gala do Libro Galego organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG). O premio na categoría de ensaio e investigación foi para Abril é un país (Kalandraka), de Tereixa Constenla; o de divulgación recaeu en Rotas (As mulleres que o franquismo agochou en Compostela) (Edicións Positivas), de Montse Fajardo; o de libro ilustrado, en Papóns (Galaxia), de Sandra Lodi; e o de obra traducida, en Os caravanistas, de Elizabeth von Arnim, que foi trasladada ao galego por Cecilia Recarey.
Ademais delas, viron recoñecido o seu traballo Antonio Manuel Fraga, que acadou o premio á mellor obra infantil por Como escorrentar un lobo (Cuarto de Inverno); e Lois Pérez, que se impuxo na categoría de obra xuvenil con Cartas na escuridade (Cuarto de Inverno). Pola súa banda, Miguelanxo Prado con Presas fáciles. Voitres (Retranca Editora) levou o galardón na sección de libro de banda deseñada, gráfico e humor. O recoñecemento para a publicación mellor editada foi para O libro das abellas (Apiario), asinado por varios autores.
A nómina de galardoados complétana Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina (Tempo Galiza Editora), que recibiu a distinción á iniciativa bibliográfica, así como o Culturgal, que foi recoñecido no eido de promoción da lectura.

Aos galardóns ás mellores publicacións e iniciativas do 2024, hai que engadirlle os recoñecementos honoríficos das entidades organizadoras. A Federación de Librarías honrou a Rafael Silva, que a finais de 1971 foi un dos impulsores da libraría Follas Novas en Santiago; a Asociación Galega de Editoras ao editor vigués Manuel Bragado, que durante anos foi director de Xerais; e a AELG á autora palestina Shahd Wadi, que foi nomeada Escritora Galega Universal en recoñecemento á calidade súa obra e ao seu compromiso coa defensa dos dereitos do pobo palestino. Palestina tamén estivo presente nas intervencións dalgún dos galardoados. Pola súa parte, Bragado fixo un repaso pola situación editorial de Galicia e reclamou «un trato digno para o libro galego, como fixo no seu día Agustín Fernández Paz». Ademais, propuxo que todos os sectores e administracións do libro se senten na mesma mesa.

A gala serviu para reivindicar o papel do mundo do libro. O presidente da AELG, en nome dos colectivos organizadores, lembrou que todos levan máis de catro décadas «construíndo estruturas sociais, empresariais e culturais que poidan sustentar o noso sistema literario». Engadiu que «a multipremiada literatura galega fóra do nos país, significa o que conseguimos entre moitos de nós de xeito colectivo e individual».