Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Unha xoia do audiovisual pop gravada nunha moto en 12 segundos para A Banda da Loba

Javier Becerra
JAVIER BECERRA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

 Pablo Fontenla (terceiro pola esquerda) co grupo e o equipo de traballo.
Pablo Fontenla (terceiro pola esquerda) co grupo e o equipo de traballo. cedida

O director Pablo Fontenla recreou a lírica do tema «Olliños» nun plano secuencia, capturando 480 fotogramas por segundo 

03 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na súa primeira colaboración con Terrae, A Banda da Loba quería facer algo especial. Para iso acudiu ao realizador vigués Pablo Fontela coa intención de que lle puxese imaxes á particular visión do amor que teñen no canción Olliños. «Déronme marxe total e puiden levar a cabo algo que había tempo que quería rodar a alta velocidade», explica. A velocidade foi tal que realmente a gravación se desenvolveu nun abrir e pechar de ollos. Tan só necesitou 12 segundos para levala a cabo.

No clip aparecen máis de 150 figurantes postos en liña en plena ebulición. Gravados nun plano secuencia nese lapso de tempo, na peza final todo se expande case catro minutos. Para iso, Fontenla usou unha cámara Raptor XL. Permitiulle captar 480 fotogramas por segundo, en lugar dos 25 habituais. Fíxoo indo de paquete nunha motocicleta: «Precisaba unha velocidade de 30 quilómetros por hora para facelo», sinala. Era o único modo de poder capturar a gran velocidade e con máximo detalle «cada un dos estados da lírica da canción, que lembra a Alicia no país das marabillas —de feito, as integrantes do grupo van de raíñas— con diferentes grupos con cores distintas».

A gravación tivo lugar no Recinto Feiral da Estrada, que estaba recentemente pintado de branco e tiña moita luz natural. Iso permitía o fondo perfecto para unha explosión colectiva e colorista fronte á cámara. «O tema é lento, polo que, para gravar, puxemos outro con moita marcha. Queriamos que a xente bailase e forzase a torsión para que logo quedase perfecto na cámara lenta», explica Fontela. Tamén usou dúas grandes pelotas de pilates con croma que, na posprodución, se converteron en xigantescas lúas. O resultado é unha pequena xoia audiovisual gravada velozmente, pero que se goza agora en toda a súa lentitude.