Alberto García: «Co Sporting B só nos vale gañar»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

O defensa considera esencial non encaixar no partido chave da tempada

28 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

O Coruxo agarda esta tarde (O Vao, 18h) a un Sporting B fronte ao que pode deixar practicamente sentenciada a permanencia. O defensa do conxunto vigués Alberto García sábeo ben. Na súa volta á convocatoria de Antonio Gómez tras recuperarse de lesión, deixa claro que «só nos vale gañar», e iso é o que pretende facer o equipo, que recupera ademais aos sancionados Yago Yao e Samuel, e ao lesionado David Campos.

-¿Como encara o Coruxo un partido desta trascendencia?

-Para nós é unha final. Gañando aseguraríamos practicamente a permanencia, que era o obxectivo principal do equipo, aínda que agora soa un pouco raro. Estamos nunha situación un pouco complicada pola xeira negativa que levamos e por iso só nos vale gañar.

-¿Hai presión engadida?

-Presión creo que non porque o equipo compite sempre igual. Sabemos que podíamos gañarlle a calquera equipo, e cando non estamos ben, calquera pode gañarnos a nós. Todos os equipos teñen xeiras negativas, o que pasa é que estamos tendo un bache un pouco máis grande do agardado e do que soen ter os equipos. Ves que vas cara abaixo e os teus rivais van sumando e achegándose, pero estamos tranquilos, aínda que conscientes do que nos xogamos.

-¿Encadear derrotas logo de flirtear co play-off complícao todo máis?

-Si. Hai dous ou tres meses falabamos da permanencia como se xa estivera feita. Agora o entorno comenta que se perdeu a oportunidade de estar arriba. Os equipos de abaixo veñen apretando e non queda máis remedio que mirar cara abaixo e cambiar o obxectivo que tiñamos hai tres meses. Estamos nunha dinámica negativa, así que o que temos que facer é centrarnos outra vez e gañar un partido, e o primeiro é o do Sporting B. Logo xa iremos a polos tres que quedan.

-¿E como se gaña ao Sporting B?

-Pois tentando volver a ter nós a iniciativa do xogo e xogando na súa área o maior tempo posible. Como eles son un equipo filial, temos que conseguir que nunca se atopen cómodos co balón. Temos que morder dende o principio, ser moi sólidos atrás e ter a portería a cero como tivemos moitas xornadas. Logo, arriba tentaremos aproveitar as oportunidades.

-A defensa do Coruxo foi durante moito tempo o pesadelo dos rivais, pero nos últimos tempos perdeu consistencia.

-Dunha época para atrás saíamos a lesión por semana, pero tampouco ten por que ser escusa. Somos unha plantilla ampla e todo o mundo ten as mesmas opcións de xogar. Ao principio aos equipos custáballes crearnos ocasións e marcar, e agora estamos nunha dinámica na que encaixamos. Temos que conseguir cambiala. Os últimos partidos na casa perdemos no desconto contra Getafe B e Guijuelo, e iso doe, porque ademais se tiveramos empatado eses dous partidos xa estaríamos practicamente salvados. De todos xeitos, temos que esquecernos diso e centrarnos neste partido. Creo que todo pasa por manter a portería a ceros.

-¿É optimista para o que resta?

-Si, non teño por que dubidar deste equipo. A tempada que estamos facendo creo que é bastante aceptable. Agora vivimos un bache, pero posiblemente antes de comezar a Liga firmariamos ter estes puntos a estas alturas da tempada.

alberto garcía xogador do coruxo

«Ante o Sporting B temos que morder dende o principio, ser moi sólidos atrás e que non se atopen cómodos»