Touriñán: «A Liga de Tebas está podre»

DEPORTES

ABRALDES

Malia que xogou ao balonmán, a súa verdadeira paixón é o fútbol, pero o de antes, non o do negocio

07 sep 2020 . Actualizado a las 00:01 h.

Dende Castelo, unha aldea de Culleredo (A Coruña), é capaz de facer rir a todo un país. Dá igual que vaia frío ou calor. Que chova ou saia o sol. Que haxa saúde ou pandemia. Só hai unha cousa que lle quita as ganas: as derrotas do seu Dépor, co que nos últimos meses sufriu moito. Pero Xosé Touriñán xa está reposto, porque o fútbol, máis alá da súa familia e o seu traballo, é a súa paixón. Por iso está ilusionado con saír en Segunda B. O único que non tolera este cómico que no seu día xogou ao balonmán é a inxustiza dun deporte que levou ao seu equipo á Segunda B por culpa «duns intereses económicos creados, que fan que se favoreza a clubs madrileños por riba dos galegos. A Liga de Tebas está podre», sentenza.

-Chegou a pandemia e o mundo do espectáculo tocou fondo, pero vostede non para de traballar.

-Do único que me podo queixar é de cansazo, pero non o fago. Acabo de chegar de Madrid de rodar, durante a semana estiven en Ourense, sigo con programas de televisión... E o único malo é o teatro, que o levamos mal, pero temos aínda pactadas unhas actuacións en outono de Fariña, así que...

-Quédalle tempo para o deporte?

-Durante o confinamento leveino ben. Todos os días faciamos cousiñas cos cativos, e ata mercamos unha bici. Logo sempre fun de pasear moito polo monte Xalo. Pero agora non teño tempo case nin de ver deporte, que tamén me fascina.

-É vostede moi futboleiro. Mesmo xogou no Carral, non si?

-Futboleiro son, pero máis de xogar cos amigos. Gústame moito o deporte. O do Carral foi máis ben anecdótico, na época de xuvenís, e só un ano. O que fixen algo máis en serio foi xogar ao balonmán. No Grupo Mar, actualmente coñecido como Balonmán Culleredo.

-Dáballe ben?

-Defendíame. Cheguei a xogar na selección galega, que logo quedaría campioa de España cadete. O balonmán permitiume viaxar por aí para xogar e facer intercambios con familias. Así fixen amizade cos Entrerríos, principalmente con Raúl, porque Alberto é maior. Pasei semanas na súa casa e el na miña, e aínda mantemos o contacto.

-Onde hai máis teatreiros, no deporte ou nos escenarios?

-No meu caso teño que dicir que nunca fun moi teatreiro no deporte, porque sempre fun máis de dar leña. E o resto, pois... supoño que agora con isto do VAR estáselle quitando o vicio a moitos.

-Cal é o deportista por excelencia ao que subiría a un escenario?

-Home, polo piscineiro que é o típico é dicir que a Neymar. Pero a min a quen de verdade me gustaría ver sería a Borja Valle cantando e a Christian Santos tocando a gaita. E vaia, tal e como nos foi este ano... seguro que lles ía mellor actuando. Hai que rir por non chorar!

-Vexo que ten ganas de falar do Dépor. Pois alá imos: viu moito teatro no caso Fuenlabrada?

-Eu entendo o deporte como algo para pasalo ben, e hai cousas que non se poden consentir. Por exemplo, esa mafia á que lle importa máis o tema económico que a saúde. Como se pode consentir que intenten agochar casos de coronavirus só por evitar que se suspenda unha xornada? Eu teño moi claro que todo o que sucedeu foi por intereses creados. O odio ao fútbol moderno é cada vez máis certo.

-Púxose serio

-Home, é que é para pórse así. Por todo, pero sobre todo polo feito sanitario. Agora que ao tema deportivo e da Liga tamén lle chega... Eu non digo que antes non houbera chanchullos e negocios, pero non se percibía coma agora. Os clubs son empresas. E ao Deportivo mandárono a Segunda B. Non digo que non fixeran unha primeira volta de merda e non mereceran baixar, pero non que os baixasen. Tamén lle digo unha cousa: o Dépor é da súa xente e da Coruña, e aí imos estar. Eu xa teño ganas de que comece a Liga e a única pena que teño é non poder ir a Ferrol, Santiago, Vigo... Porque encantaríame seguir ao equipo. Oxalá esta mala racha sirva para poñer bos piares e facer un equipo da casa.

-Nesta crise houbo dúas mulleres que saíron en defensa do Deportivo con forza, dúas Marías Pitas do século XXI, como foron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a xornalista Cristina Saavedra.

-Buah, coa alcaldesa hai que sacar o sombreiro. É certo que poden dicir que é o que ten que facer, pero fíxoo moi ben. Quixeron tomarlle o pelo a unha cidade cun problema de saúde e ela non se cortou. Noutros ámbitos non se puxo tanto a cara como ela o fixo polos seus. E Cristina pois foi tamén outra María Pita, porque lle botou moitos ovarios e encabezou una protesta nas redes sociais que, estando na súa situación, non é doada. A min, por exemplo, non me afecta tanto, porque non vivo tanto de Madrid, pero ela si, e o Tebas este ten moito poder. E cando se pronunciaba cadaquén seguro que miraba quen era. Así que chapó para as dúas.

-Iso de «o Tebas este» soa a que non simpatiza moito con el.

-A ver, é que eu son un tipo da rúa, e o único que vexo é que todo se move por interese. A Liga de Tebas está podre. El move os fíos, e o único que lle interesa é facer pasta el e mailos seus colegas. Dicía Borja Valle en medio desta liorta que o que estaba a pasar daba para escribir un libro como o de Fariña. Pois canta razón! É todo unha mafia. E non teña dúbida de que ao Dépor esta vailla gardar. Este tipo non perdoa que lle plantaramos cara. Cando poida volveranos amolar.

-Falaba de Borja Valle. De onde vén esa amizade con el?

-Pois cando eu estaba en Land Rober comezamos a escribirnos a ver se viña ao programa e veu cuns amigos. Era o último día e logo fomos pinchar algo. Collemos trato. Co tempo el estivo uns meses só na Coruña meditando se seguía ou non, e comezou a vir moito pola nosa casa. É moi boa xente, desta que paga a pena.

-A seguinte pregunta debe de respondela rápido, sen pensalo. O primeiro que lle veña á cabeza. Cal é o mellor xogador galego da historia?

-Iago Aspas. Seguro que Luis Suárez ou Amancio serían mellores, pero dos que vin eu tería que elixir entre Fran e mais el, e quedo con el só por un motivo: porque Fran estaba máis arroupado e non precisaba destacar tanto. Iago, en cambio, el só logrou manter o Celta en Primeira tres anos seguidos.

-A rivalidade lévaa ben.

-A rivalidade é necesaria, pero é que rivalidade non é darse paus, é vacilar. Agora dinnos que se imos a Barreiros a xogar en Segunda B... E eu respondo que si, pero con seis títulos, e que as nosas penas son as maiores alegrías que levan eles. E todos rimos. Iso é rivalidade.