Daniel Vilar, enxeñeiro de Honda: «A diferenza entre moto 2 e moto GP é máis grande cá de motos a coches»

DEPORTES

Recorre o mundo co mundial de motociclismo da man de Joan Mir en Honda
17 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O piloto de Honda Joan Mir non tivo demasiada sorte durante o Gran Premio de Francia en Le Mans. No decimoterceiro xiro acabou polo chan na oitava curva. Ten traballo por diante o que fora campión do mundo de moto GP no 2020. O obxectivo é recuperar o reinado do mundial. Para iso, ten detrás un equipo que cada fin de semana estuda ata o máis minimo detalle para subir ao podio. Entre eles está Daniel Vilar (A Capela, 1992), un enxeñeiro aeronaútico quen foi capaz de xuntar a súa paixón polo deporte coa sua profesión.
Rematada a carreira en Madrid decidiu estirar un pouco máis a súa vida académica. «Vendo unha publicidade dun máster en Enxeñería de Competición en Barcelona, que estaba patrocinado por Repsol, decidín apuntarme. Quixen probar a facelo e ver se, de verdade, podía mesturar as dúas paixóns», explica Daniel. Gustoulle tanto que acabou recibindo o premio ao mellor expediente. Un recoñecemento que lle abriu a porta do mercado laboral, cumprindo o obxectivo de unir deporte e análise de datos.
Contratouno a mesma escola que impartía o máster para traballar nun equipo de karting como enxeñeiro de datos e tamén no equipo de coches da propia organización.
Aí comezou a historia de Daniel no mundo do motor. «Un ano e medio despois, saíume a oportunidade de traballar en moto 2 no equipo Pons Racing. Alí precisaban un telemétrico. Din o salto de coches a motos, pero pasei de facer un campionato a nivel europeo, a estar no mundial», relata Villar. A súa estrea no Mundial foi en Le Mans, con Fabio Quartararo. «Carreira a carreira funme quedando. Gustou a miña forma de traballar. Acabei a tempada e inda fixen dúas máis co piloto Lorenzo Baldasarri», afirma.
Salto a moto GP
Tres anos despois, unha nova oportunidade chamou á porta de Daniel. O equipo VR46 de moto 2, con Luca Marini, o irmán de Valentino Rossi, foi a súa seguinte parada. «Era un reto cambiar de equipo. O seu proxecto era moi bonito e ambicioso. Foi o ano do covid, quedamos segundos no campionato do mundo, a seis puntos de gañalo na derradeira carreira. Foi un ano cheo de victorias, moi entretido e apaixoante», recorda.
Luca Marini deu o salto entón a moto GP, así que Daniel comezou a traballar para o piloto rookie do equipo, Celestino Vietti. «Tiñamos que adaptalo á categoría. Foi unha experiencia brutal. El tiña a necesidade de aprender, e xuntos fomos crecendo e conseguindo resultados. Nas últimas carreiras do ano fixemos dous cuartos postos e saír segundos na última proba en Valencia», recoñece.
O maior cambio na vida de Dani chegou co salto a moto GP. De novo, como enxeñeiro de Luca Marini. «A diferenza entre moto 2 e moto GP é máis grande que cambiar de motos a coches. A categoría ten un nivel de enxeñería detrás a nivel electrónico, dunha complexidade bestial. Foi un ano no que aprendín moito e no que tocoume vivir momentos de tensión e de traballo moi duros, para poder adaptarme e estar ao nivel do resto de compañeiros», relata.
Nos derradeiros días da pasada campaña, Honda contactou con Daniel. «Precisaban un perfil coma o meu. Ter a oportunidade de estar nun equipo de fábrica era unha experiencia que quería vivir. Poder traballar nun dos mellores equipos do mundo, cunha mentalidade diferente, era algo que non me quería perder», comenta Daniel.
«Non só os pilotos van competir, imos todos. Somos un equipo», explica
O que vive Dani Vilar durante un Gran Premio de moto GP é case indescriptible. «É difícil de explicar», recoñece. Iso en canto a sentimentos. En canto a funcións, teno moi claro. «Teño que preparar certas configuracións da moto, como pode ser preparar o freo motor ou a entrega de potencia que dá en cada metro da pista. Dividimos a pista en distintas áreas, e aí imos configurando diferentes seccións do circuito. A miña función, cando o piloto chega e coméntame cales foron as súas sensacións, os problemas, ou que lle impide ir máis rápido. Descargamos eses datos, analizámolos e vemos se o que o piloto nos está contando concorda co que vemos en cada un dos sensores, despois facemos modificacións na configuración electrónica para poder saír á pista e intentar axudarlle a solucionar todos os problemas que ten e que poida ir máis rápido», explica.
Un traballo no que a confianza co piloto é a base fundamental para acadar o éxito. «É unha das cousas máis importantes. Ten que ter confianza na xente que está o seu carón para poder saír a pista e apretar para baixar dúas décimas. As diferenzas son mínimas e en menos dun segundo está case toda a grella. Mellorar dúas décimas faite saltar dez postos, e para que o piloto poida arriscar, ten que ter confianza no que ti lle estás dicindo. É unha das claves máis importantes para que as cousas funcionen. Traballar como equipo», afirma.
A pesar das máis de 120 horas de vóos en menos de catro meses, e a pesar de estar fóra da casa moitos días, Daniel desfruta ao máximo do seu traballo. Non pensa noutra cousa que en seguir aprendendo, e o ten moi claro: «estou no mellor sitio para facelo».