O grovense é o español máis laureado de calquera modalidade de piragüismo, deporte que compaxina co seu labor de oficial do Cuerpo Nacional de Policía
18 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Traballo duro, disciplina e constancia. Estes son os tres condimentos que, conta Manuel Antonio Campos (O Grove, 15 de xullo de 1985), levan nutrindo os éxitos do padexeiro español máis laureado da historia, camiño do medio cento de medallas entre Mundiais e Europeos no piragüismo de fondo. Unha traxectoria que levou o oficial do Cuerpo Nacional de Policía a ser nomeado o ano pasado Leyenda na segunda concesión anual do novo título outorgado pola Real Federación Española de Piragüismo, tras o seu pleno de tres ouros no Mundial de Maratón do 2023.
—É vostede dos poucos deportistas de elite que pode dicir realmente que se partiu o peito polo que fai —no 2017 rompeu un músculo peitoral mentres facía press banca no ximnasio—…
—Si, ben —ri—. Pódese dicir que literalmente me partín o peito polo que fago. Supoño que como a maioría dos deportistas de alto nivel, non literalmente, pero si adestrando e traballando duro para conseguir os resultados.
—Padexeiro español de calquera modalidade máis laureado da historia e o segundo do mundo no maratón. Figuraba isto na súa folla de ruta cando debutou nun Mundial con 18 anos?
—Non… Loxicamente, un cando empeza non imaxina todo o que fun quen de conseguir. Soñas con poder sacar unha medalla algún día nun campionato do mundo. Conseguir dez ouros no Mundial, nove no Europeo e sumar 44 medallas non o soñas nin de risa cando comezas. Sempre es ambicioso e soñas con algo grande, pero claro, non con todo isto.
—Con 39 anos e este palmarés, que o motiva a seguir?
—A ver… A motivación está claro que cada ano descende un pouquiño, hai que buscar novos retos para mantela viva. Subirse ao podio é unha motivación para seguir adestrando e traballando duro para continuar aí na loita. Está claro que economicamente non tes unha motivación, porque as axudas son mínimas nesta modalidade. Son menores agora as bolsas económicas que cando empecei no 2004. Entón o que te motiva é superarte, ser quen de estar cos de adiante, saber que tes nivel para estar pelexando por campionatos do mundo. No momento que non sexa capaz terei que pensar ao mellor na retirada. Ao mellor, tendo o nivel para seguir pelexando adiante, decido retirarme antes. Non o sei. Eu xa hai uns anos que vou temporada a temporada, e se o corpo e a mente mo permiten, pois vou seguindo.
—Con tanta experiencia, é de imaxinar que terá ben aprendida a lección de gañar…
—Si. A ver. Está claro que gañar unha vez custa moito, gañar dúas custa bastante máis, e como se soe dicir, chegar é difícil, pero manterte éo máis. Entón, tes que aprender a lección de gañar, de volver gañar, pero tamén é moi importante aprender a lección cando non gañas. Cando gañas, as expectativas son moi altas e parece que cando sacas unha prata ou un bronce despois se queda curto. Eu aprendín a valorar moito unha medalla.
—E a lección de verse fóra do reparto de medallas, esa tamén a ten ben aprendida?
—Si, si. Aprendina hai bastantes anos. Cando quedas fóra do podio é cando realmente te das conta de que é unha posibilidade cando estás competindo. Que o resto dos deportistas tamén reman, tamén compiten, e que ninguén é invencible.
—Tentou ser olímpico no C2 1.000 en Londres 2012, con José Manuel Sánchez, e en Río 2016, con Diego Romero. Que lle faltou para poder gozar duns Xogos?
—Ben, é complicado sabelo exactamente. A partir do 2008 complicouse moitísimo a clasificación coa eliminación dunha das distancias no C2 e no C1, para igualar os barcos femininos e masculinos. E despois igual faltou calidade para ser máis explosivo, non o sei, prepararme mellor, tampouco o sei. A verdade é que as miñas calidades sempre foron máis de fondista. Pero o sistema era o que era e non demos o nivel suficiente para estar nos Xogos, esa é a realidade. Tamén está o hándicap de que no piragüismo non temos unha distancia de fondo ou de maratón, como si as hai no atletismo ou na natación. No caso de existir, penso que a algunha edición dos Xogos Olímpicos tería asistido.
—É vostede tamén policía. A pé de rúa polo seu traballo, percibe esa crispación social que se está a contaxiar por medio mundo?
—Buff! Si, máis ca nada, iso onde máis o percibo é nas redes sociais, nas que si, hai certa crispación, non sei se coa forma de actuar dos políticos ou se con que. Vendo o desastre de Valencia, parece que nos preocupamos máis de ver quen ten a culpa que de solucionar antes o problema. Ante as desgrazas, penso que o primeiro é arrimar o ombreiro todo o mundo, colaborar, e despois xa se pedirán explicacións a quen haxa que pedirllas, e as responsabilidades ou as neglixencias xa dirá un xuíz se as hai; e se non o propio cidadán cos votos. O máis grave é ver o que pasa con nós, os propios cidadáns. Dáme un pouco de tristura ver que entre nós nos enfrontamos por ver de quen é a culpa antes de solucionar o problema. Arrimemos o ombreiro. Non abramos neste momento debates discutindo entre nós. Que nós ao final somos os votantes e imos ter que ir ao traballo ao día seguinte igual.
En Curto
Pai de dous nenos, de 2 e de 9 anos, Tono Campos confesa ter pouco tempo máis aló das súas ocupacións familiares, profesionais e deportivas.
—Ten sona de gran comedor de marisco…
—Ben… Iso de gran, non o sei. A verdade é que me perde o marisco. Encántame todo tipo de marisco, como bo grovense que son, e de vez en cando doume unha homenaxe. E agora que comeza a campaña do centolo, haberá que probalo polo menos.
—Cal recomenda para o Nadal?
—O rei do marisco non pode faltar na mesa: o centolo. Despois hai outro marisco que pasa un pouco máis desapercibido, o mexillón, que se pode preparar de moitas formas e é moi rico. E da nosa ría, as ameixas e os berberechos. E persoalmente, gústanme moito a nécora e o camarón.
—Poucos deportistas poden presumir de que o seu nome luza nun pavillón da súa vila?
—Síntome orgulloso de que no meu pobo me recoñezan así. Pero o maior recoñecemento é que os meus veciños valoren na rúa o esforzo e o traballo que fas, tamén levando o nome do Grove polo mundo adiante, sempre acordándome do pobo, que foi o que me veu crecer, e o club Breogán, o dos meus inicios e o que sempre está apoiándome e dándome ánimos para dar o mellor de min.
—Máis aló da Policía e do piragüismo, a que lle dedica con ganas o seu tempo?
—Procuro dedicarllo á familia, aos meus dous fillos. Agora o pequeno está nunha etapa que necesita bastante atención, é moi movido, e fáiseme moi difícil conciliar traballo, deporte e familia. Non dispoño de moito tempo libre.