Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Iván Cancela: «Hoxe somos a referencia no mundo»

C. Domínguez

DEPORTES

Rafael Louzán premiou os seus logros como responsable dos técnicos na federación galega para encargarlle a dirección da mesma área na española

26 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Iván Cancela (Tordoia, 1982) foi un talento precoz dos bancos. Profesor de infantil e primaria, pediu a excedencia para apostar polo fútbol, unha paixón da que vira todas as caras no Xallas, onde comezou como técnico tras verse obrigado a colgar as botas con só 24 anos por unha hernia de disco. Na súa primeira experiencia logrou un ascenso. O talento e as calidades didácticas de Cancela chamaron a atención da Federación Galega de Fútbol, que o recrutou para dirixir a Escola Galega de Adestradores e a selección de Terceira División, coa que gañou a fase estatal da Copa das Rexións UEFA. Coa súa chegada á presidencia da federación española, Rafael Louzán volveu chamar a Cancela para encomendarlle a presidencia do Comité e a dirección da Área de Adestradores.

—Como vai a súa adaptación ao novo cargo na RFEF?

—Boto un pouco de menos o verde, pero agora estou moi enfocado nesta nova etapa, máis de despacho. É moi gratificante que pensasen en min para estar á fronte dos adestradores españois. Tamén é unha responsabilidade enorme. O meu obxectivo é estar sempre á súa disposición en todo o que poidan precisar. E levar adiante o novo plan estratéxico que estamos desenvolvendo.

—En que consiste ese plan?

—No asesoramento dos adestradores profesionais e de categoría nacional. Formamos comisións para que poidan seguir mellorando. Intercedemos entre clubs e técnicos cando se produce un cesamento e axudamos se precisan un adianto económico. Poñemos en valor a figura do adestrador español cos premios Ramón Cobo. Outra acción que levamos a cabo é a de percorrer España para entregar un carné de ouro a aqueles adestradores que tiveron un papel relevante en España e xa non se atopan en activo. Organizamos charlas, seminarios, cursos. Temos moitas partidas dedicadas á formación, incluso itinerante. Aumentamos estas axudas este ano nun 41 %. Pasamos de 1,2 millóns de euros a 1,7. Cada vez, os adestradores a adestradoras comezan antes a súa formación, e vese nos cursos de formación. Aí están Jonathan Giráldez, Rubén Albés ou Diego Martínez, que empezaron a adestrar moi novos. Igual que Héctor Souto no fútbol sala.

—Xa que menciona a un deles... Claudio Giráldez, Diego Martínez e Manolo González: hai tres galegos agora mesmo dirixindo nos bancos da elite.

—O fútbol galego nunca estivo tan representado no fútbol profesional. É un termómetro moi fiable sobre a nosa saúde. A federación galega inviste moitos recursos para iso. Temos adestradores moi preparados, e aí están os números no fútbol profesional.

—Os técnicos españois cotizan á alza nos últimos tempos en todo o mundo.

—É a mellor época histórica do adestrador español, tanto no fútbol coma no fútbol sala e no fútbol praia. Hoxe somos a referencia no mundo; é unha época dourada. Os campións das ligas inglesa, francesa e alemá tiñan técnicos españois. O da Conference League foi Mendilibar. As seleccións, tanto a feminina coma a masculina, conseguiron gañar un mundial e unha eurocopa. O mesmo no fútbol sala. Non quero que soe arrogante, pero o segredo é que somos o país cunha maior e mellor formación.