Culturistra

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

07 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

LA última perla -que de seguro non ha ser a derradeira- da señora ministra de Cultura ten mérito para pasar as antoloxías do disparate. Segundo dona Carmen Calvo «un concierto de rock en español en el extranjero hace más por el castellano que el Instituto Cervantes». Resulta patente que as «letras» que defende o Cervantes non teñen nada que facer diante das «letras»das cancións de Extremoduro, Barricada, La Polla Records e outras perlas cultivadas para maior gloria da lírica nacional. E non é que eu teña nada en contra do rock español (nin do foráneo), pero cada cousa é para o que é. Non me digan que non ten miolo o asunto. A este paso non me estraña que queiran eliminar algunhas das carreiras de letras. Resulta evidente que a cultura non é a maior das preocupacións do Ministerio de Cultura, alomenos da súa titular, que foi, como xa comentamos a semana pasada, «cocinera antes que fraila», e que nunha sesión do Senado, a unha interpelación do senador Juan Van-Halen Acedo aludindo a unhas anteriores declaracións da ministra -«señora ministra, precisamente en ese período que usted considera negro para el cine español, por la supuesta hostilidad del PP hacia la gente del cine, Calvo dixit» (é dicir, dixo, en latín)- ela respondeu que el sempre sería chamado por ela «su señoría» e non «Van-Halen dixi ni pixi» (aludindo á célebre parella de ratos animados da programación infantil), co cal demostra que non ten idea de latín. Semella que volvemos ós tempos nos que florecía a manía de opoñer deporte contra relixión ou linguas clásicas -a ximnasia contra a magnesia-, os tempos nos que Solís, o ministro franquista, preguntaba a Muñoz Alonso: «¿para qué sirve el latín?», contestándolle Muñoz: «pues, por ejemplo, para que vosotros, los naturales de Cabra, os llaméis egabrenses». Eso si, hai que lle recoñecer a este goberno total coherencia, posto que, polo que nos leva demostrado a señora ministra de Cultura, a súa biblioteca non tería maior problema para ser acomodada nun dos pisos bonsai da ministra Trujillo.