
En directo | Homenaxe escultórica a Marcial Valladares O escultor Camilo Rodríguez pintoulle cara á protagonista da obra maestra de Marcial Valladares. Desde onte, Maxina asoma a cabeza dun libro granítico na Rúa da Cultura
28 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A Estrada pagou onte a súa débeda con Marcial Valladares. O Concello tíñalle dedicado o ano 2003 ó escritor estradense que no 1863 publicou o primeiro diccionario galego-castelán e no 1870 a primeira novela moderna en lingua galega. Sen embargo, o autor de Maxina ou a filla espuria aínda non tiña un monumento propio na Rúa da Cultura. Desde onte, a protagonista da célebre obra de Marcial Valladares comparte avenida con outras sete esculturas que recordan ós protagonistas dos anos culturais precedentes. García Barros, Varela Buxán, Bernardo Rodríguez, Avelina Valladares, Reimóndez Portela, Cabada Vázquez e o Pobo estradense ó completo acompañan á figura de Maxina que asoma a súa cabeza de bronce desde o interior dun libro de pedra. Na portada de granito pode lerse o título da célebre novela e o nome do autor estradense. A escultura que lle pon rostro ó personaxe é obra do artista Camilo Rodríguez Vidal, un mozo de Padrón que soubo fuxir da seriedade estatuaria para amosar «a inquietude e curiosidade da nena que asoma a cabeza desde dentro do libro e invita a ler a obra de Marcial Valladares», nas súas propias palabras. A obra, inaugurada onte, completa a primeira fase de decoración escultórica da Rúa da Cultura. O primeiro tramo está completo, pero aínda queda outro por encher. O edil estradense de Cultura, Xosé Manuel Reboredo, fixo público onte o compromiso de seguir colocando esculturas ata o final da rúa. «E despois haberá que pensar en abrir unha nova, polo menos ata o Alto da Cruz», engadiu. Reboredo explicou tamén que o retraso na colocación da escultura a Marcial Valladares debeuse «ós problemas para conseguir os materiais» para a escultura deseñada polo primeiro artista ó que se lle encargara o traballo. Indicou ademais que, aínda que as dúas primeiras obras da Rúa da Cultura foran firmadas polo artista local Manolo Vilhaverde, o Concello estradense manterá nos vindeiros anos a tendencia actual de encargar a escultura de cada ano cultural a un artista diferente de cada vez. Agora que Marcial Valladares tén a súa escultura, queda pendiente a de Antón Losada Diéguez, a quen se lle dedicou un ano cultural 2005 máis ben modesto. Antón Losada xa da nome a unha rúa da vila, pero tamén Marcial Valladares tiña xa un monolito na alameda estradense.