
No interior da ábsida hai dous arcos, un triunfal e outro perpiaño ou faixón, que está paralelo ao triunfal. Ambos os dous son arcos de medio punto, algo peraltados -característica do románico compostelán- e cunha lixeira tendencia á ferradura, sobre todo o triunfal. Rodea ao arco triunfal unha dobre arquivolta. Unha interior tórica e outra exterior con chambrana dunha fila de billetes que empeza sendo, no arranque setentrional, de tacos. Este arco apóiase sobre dúas columnas, con fuste de cinco semitambores, coas bases de perfil ático destacando a súa decoración con flores tetrapétalas enmarcadas nun círculo. O capitel meridional presenta unha loita de leóns, lémbranos un similar dunha escena de caza no capitel meridional do arco faixón da igrexa de Santiago de Tabeirós. O león simboliza a forza, o poder e a maxestade; a lenda di que os cachorros de león nacen mortos pero aos tres días resucitan cando o león pai lles insufla o alento. Por iso na simboloxía cristiá o león se asocia a Cristo. A Biblia dálle a Cristo o apelativo de «León de Xudea». O capitel setentrional amósanos unha especie de volutas ou pencas con entrelazos. O arco faixón apóiase, asemade, sobre dúas columnas, con fuste de cinco semitambores. Os plintos están soterrados. Os capiteis son vexetais. Unidos todos os ábacos hai unha imposta de billetes que percorre todo o presbiterio chegando aos muros laterais da nave. A bóveda da ábsida é de canón no tramo recto e de forno, casca ou cuarto esfera no tambor semicircular. A tendencia, ao igual que os arcos, é de lixeira directriz de ferradura. A seteira simple sita na parte central está enmarcada cunha arquivolta semicircular, apoiada sobre dúas columnas de fuste monolítico e con capiteis vexetais. No medio das columnas, presidindo a cabeceira, está o patrón de Ouzande, San Lourenzo: «Aí vén San Lourenzo co seu caldeiriño penzo».