O C.C. Estradense-Hierros Diego corre ata o domingo unha esixente Volta a Galicia
DEZA
?onga semana a que lle agarda desde hoxe e ata o domingo ao equipo elite e sub 23 do Club Ciclista Estradense-Hierros Diego. Por diante, a Volta a Galicia. Cinco duras etapas con case 700 quilómetros de percorrido trufados cunha ducia de portos de montaña, tres deles de primeira categoría. A maiores, ao C.C. Estradense-Hierros Diego se lle presenta unha competencia de altos voos, con equipos nacionais da talla do Diputación de León, Nagares, Saunier Duval, Comunidad Valenciana, Soctec, Andalucía Cajasur e e Cafemax; o filial do Astaná kazaxo, o francés Leclerq e as escadras lusas do Benfica de Lisboa e a La MSS de Póvoa de Varzim. Xunto a eles, os habituais do pelotón galego, encabezados unha vez máis polo Supermercados Froiz, co C.C. Vigués, Spol, Cambre-Frisonoble e Cidade de Lugo. O C.C. Estradense-Hierros Diego corre a ronda autonómica con Jesús González como xefe de filas, secundado por Rubén Brage, Óscar García, Chema Rodríguez, Diego Maroño e os castelán-leoneses Édgar Nohales e David Santiago. O obxectivo do equipo de Tabeirós-Montes será rematar con Jesús González entre os vinte primeiros da xeral e como líder da clasificación de corredores galegos. Nesta última, cos efectivos do Supermercados Froiz e o xefe de filas do Cambre, Borja Calviño, como principais adversarios. O director deportivo do C.C. Estradense-Hierros Diego, Ricardo Terceiro, subliñou onte a extrema esixencia do trazado da Volta a Galicia, que calificou de «impresionantemente dura». De feito, Terceiro conta con que a primeira etapa, con saída e chegada a Monforte de Lemos e 126,6 quilómetros de percorrido, dea lugar a unha primeira criba entre os dous pelotóns da ronda, o dos equipos potentes e o dos modestos. Tras un paso de terceira categoría polo Alto do Oural no quilómetro 23, os ciclistas menos fortes sufrirán hoxe para atravesar o Alto de Baralla, de primeira categoría (qm. 73,5), e unha nova ascensión ao Oural a 22 quilómetros da meta.