Hai outros mundos. Algúns deles semellan máis inxenuos, pero igual non son. Só están contados dun xeito que nos resulta amable e que refrenda o vello tópico de que as cousas son como se contan. Pero é un tópico falso.
As cousas son como son e cada quen mira nelas o que lle interesa e esta actitude non di nada sobre as cousas, pero di moito sobre quen observa e por iso a pintura, como tantos exercicios dados a contar, é tan útil para valorar como vemos o mundo. Incluso para ver que parece bonito.
Os europeos temos certa tendencia a crer que a cultura non europea ten algo de inxenua. Incluso a norteamericana. Estamos algo mareados pola nosa capacidade cultural ou quizais padecemos unha certa cegueira desde a primeira colonizacións. Quizais pensamos que as cousas complicadas son culturalmente mellores da mesma maneira que, supoño, entendemos que unha ecuación é unha operación matemática de carácter superior a unha suma.
Na pintura tamén sucedeu e as vangardas europeas xulgaron de maneira un tanto lixeira aquelas expresións que procedían da outra beira do océano, iso aínda tendo en conta que unha parte da vangarda xirara xustamente a favor dun certo primitivismo. Pero o primitivismo europeo é moi superior a calquera outra forma de primitivismo.
Pasou con Diego Rivera, pasou con Frida Kahlo, pasou con Torres-García, artistas que foron recibidos en Europa sen apear da interpretación un certo exotismo que invalidaba as súas outras virtudes. Pasou tamén con Tarsilia do Amaral quen, como no caso de Kahlo, engadía esa circunstancia de ser muller por riba de ser brasileira. As vangardas, como o brandy, eran cousas de homes.
A pintura de Tarsilia do Amaral xoga con todos aqueles elementos que marcaron a modernidade e que máis que coa pintura teñen que ver coa maneira de mirar. É dicir, liberaron a pintura da servidume da realidade e convertérona nun elemento máis de interpretación, dun argumento máis que incorporar ao discurso.
A incorporación ao discurso de Tarsilia xogou con certa exuberancia formal e cromática, esa fuxida cara a adiante contra unha realidade ideal, unha maneira de representar que tanto éxito ten aínda entre os ilustradores de libros. Esa maneira de facer que parece proceder da fantasía pero que, en realidade, procede de mirar as cousas desde calquera perspectiva non convencional. Procede desa intención de darlle pistas aos espectadores sobre a existencia de outros mundos posibles e de que todos están aquí.