«O premio chega aos 50 anos de abrir»

O. P.

DEZA

Leva medio século á fronte do Agarimo, que empezou como ultramarinos ata que as primeiras tortillas e o xamón o levaron a ser un dos restaurantes de máis tradición

26 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Concha Lamazares ten este ano dobre celebración: as vodas de ouro no matrimonio e tamén como responsable da cociña do Agarimo, un dos restaurantes máis tradicionais de Lalín e que abrira como ultramarinos. En pouco tempo, pasou xa a restaurante, e dende entón non lle faltaron a Concha os eloxios polo seu bo facer; entre outros, os de Karlos Arguiñano, que cando exerceu de pregoeiro lle confesou: «No consigo hacer unos grelos como los tuyos», aínda que ela asegura que o cocido que preparou no seu programa de televisión saiulle moi ben e promocionou moito Lalín.

-¿Como recibe o premio á labor de «Toda unha vida»?

-Pois recíbese moi ben, neste ano que fago 50 anos de casada e de que montamos o negocio: fainos o 30 de abril, e con este premio xa sinto a emoción dende agora.

-¿Como foron os inicios?

-Fixeramos unha casiña de planta baixa, con ultramarinos e pipos de viño, e fomos meténdonos na cociña, facendo tortillas e cortando xamón a cuchillo, que non había máquina. Pronto deixamos o ultramarinos para seguir como restaurante. Na primeira Feira do Cocido xa tiveramos comensais aquí.

-¿Cal é o hoxe o prato de máis recoñecemento no Agarimo?

-No inverno, sen duda que é o cocido, e no verán o cabrito e os pescados. Pero o forte é o cocido, que facemos desde que pasa setembro ata maio: ás veces, xa fai calor e sigues facendo filloas, pero é que sempre hai encargas.

-¡E de onde veñen os comensais que atenden, ademais dos lalinenses?

-Veñen moitos das Rías Baixas, pero tamén de Madrid. Non sei como fan para vir desde alá, pero aínda hai pouco veu unha familia enteira, que chegaron ás catro da tarde para comer o cocido, viches cousa igual?: en avión a Santiago, e logo a Lalín.

-¿E a clientela, manténse fiel logo de tanto tempo?

-Pois si, hai xente de moitos anos que sigue vindo, a pesar que na Feira do Cocido ese día non os podemos atender porque temos a comida oficial. Pero estaría ben que se organizaran tamén actividades o sábado do Cocido, para que non se concentrara toda a xente só no domingo da Feira e se poidera repartir máis en dous días.

-Gastronomicamente, vostede tamén casou a medio Lalín.

-Casaron aquí moitos lalinenses, é certo: agora xa estamos facendo as vodas dos fillos dos matrimonios que casamos nós.

-Sigue á fronte dos fogóns logo de medio século...

-É moi duro, non é fácil seguir, pero bueno, vas tendo un pouco de saúde ... e tes tanta práctica que xa fas as cousas na metade de tempo do que lle poden levar a outra persoa. Ademais, teño dous netos que queren seguir co negocio -a neta estudou na Escola de Hostelería-, e tes que botarlles unha man.

-¿E vostede, cando pasa da cociña á mesa, cal é a súa preferencia?

-Eu son ben comedeira, a min gústame todo. Pero se teño que escoller quédome co cocido, aínda que teño que comer pouco.