«Non dirixía unha curta dende 2002, a experiencia foi grata»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

En marzo comezará a rodar «La cueva», en Formentera

31 ene 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

No eido cinematográfico tampouco soplan ventos favorables malia que ao lalinense Xoel Fernández non lle falta traballo.

-Están os tempos para facer dez cousas e que che saian ben un par delas. Hai que ter actividades paralelas para manterse e, de feito, puxemos en marcha un estudio de actores que leva o nome de Juan Codina. Estamos moi ilusionados con este novo proxecto xa que esto está fatal, catastrófico...

-No seu caso non tanto, unha curtametraxe, próximo estreo dunha película e rodaxe para o mes de marzo...

-Non me queixo. Participo cunha curta, que se chama 131ºC, no décimo festival Notodofilmfest.com que ten unha traxectoria recoñecida e polo que pasaron máis de oito mil curtametraxes nas últimas nove edicións. Son casi 400 as que se presentan agora a concurso e foi toda unha novidade xa que non dirixía unha curta dende 2002, que foi co lalinense Álex Sampayo, a experiencia foi grata. Agora hai que agardar ata finais de marzo que será cando se saiban os resultados.

-Non cabe dúbida de que marzo traerá moitas novidades...

-Se non hai variacións será cando se poderá ver a película «Un lugar para las Butter Cookies», que rodamos no ano 2010 en Ibiza. É un film do que fun un dos produtores executivos deste proxecto e encarnei o papel de Julián. Para meterme na pel do personaxe, un home de máis de trinta anos ao que lle falta unha perna por unhas historias de trapicheo, tiven que engordar algo máis de dez quilos. Non foi fácil pero creo que valeu a pena. É unha película que fala da vida dun escritor que se vai a Ibiza para inspirarse e espero que vos guste. Logo certo que en marzo estaremos en Formentera para rodar «La cueva». Narra a historia de cinco mozos que se van de excursión e aos que lles pasarán moitas cousas.

-E, ¿como lle foi na serie Matalobos?

-Grabei no pasado mes de setembro e creo que o capítulo no que participei, que foi o 62, se emitiu recentemente. Fíxome moita ilusión participar nesa serie xa que é moi vista aí e tamén lle gusta moito á miña familia, de aí que a ilusión fose dobre.