Álex Marque Porto. A forza da verdade

Xosé Luna A ESTRADA

DEZA

19 dic 2013 . Actualizado a las 22:05 h.

Benquerido amigo, sei que estás pasando por un mal momento, seguramente o máis difícil da túa Vida, pero tamén sei (acredito) que tes todo, absolutamente todo o apoio da Xente que te coñece (nenas e nenos, siareiros, amigos, veciños, compañeiros, familia? ). Todos somos Álex Marque. Velaí a túa infinda forza. A forza da verdade.

Dos teus pais (sabémolo moi ben) herdaches os maiores tesouros do Mundo, a humildade, a loita, a bondade. O teu primeiro apelido (Marque) é sinónimo de bicicleta. O segundo (Porto) éo de sociabilidade. Por iso non é de estrañar que pedalees polas estradas da Vida, dende Pernaviva ata Tavira no sur de Portugal, sempre cun tenue sorriso na faciana.

Cóntanme, os que ben te coñecen, que a túa primeira bicicleta foi unha motoreta vermella que tiña un sillín para dous. Que desde pereiriño fuches un loitador incansable. Que sempre soubeches que, se engades un pouco a outro pouco, e o fas a miúdo, axiña chegará a ser moito.

E claro que es moito. Moitísimo. Álex Marque Porto co teu 1,82 de altura e 69,5 Kg de peso, converticheste nun magnífico contrarreloxista, nun bo rodador. Es quen de acadar as 198 pulsacións por minuto en carreira (48 en repouso), e bicar o cumio das montañas coa potencia do teu admirado Jan Ullrich.

Levas o azul e branco da súa Terra na lapela do coraçao. E, xa que logo, non che parece ben que desaparecese o equipo galego do Xacobeo, entrementres se organizan en Galicia varias etapas da ?Vuelta?; con eses cartos investidos ?tes subliñado- teriamos presuposto para mantermos o Xacobeo dous anos máis na elite, con ciclistas e persoal da casa.

A túa figura xeométrica é unha circunferencia (vale, unha roda) suxeita con múltiples raios, dous deles imprescindibles, Vane e Mateo.

Gústache saborear, cos teus, un bo cocido ou uns callos competentes. Sabes que é de ben nacido ser agradecido, por iso non te esqueces do apoio e do ánimo de José Manuel Oliveira, Ricardo Terceiro, ou do equipo do teu pobo, Hierros Diego? ou dun dos teus mellores directores deportivos, Emídio Pinto.

Gústache, tamén, relaxarte pescando no río ou indo ao cinema, da man da túa inseparable Vane, entrementres o Mateo (?oh, oh!?) queda tomando o bibe coa avoa María.

Se tiveses que escoller unha árbore, seguramente escollerías unha ?Palmeira(s)? (Resort Tavira). Se tiveses que escoller un par de amigos no infindo pelotón da vida, seguramente escollerías a David Blanco e Ezequiel Mosquera. Se tiveses que escoller unha chanson, escollerías unha do teu admirado Joaquín Sabina. Se tiveses que escoller un lugar paradisíaco no que perderte unha tarde de outono, non o dubidarías, escollerías a paisaxe, entre aciñeiras, dese noso Mar interior que é o Canón do Sil.

Pechamos os ollos e vémoste rubindo un porto de primeira, á cabeza do pelotón, co maillot vermello, entrementres o Perico Delgado comentaría algo así como, ?yo al de Piernaviva lo veo muy fuerte, creo que la Vuelta de este año va a estar entre él y Contador?.

E ao lonxe, como quen non quere a ?cousiña?, resoarán os versos cunqueirianos, ?no niño novo do vento hai unha pomba dourada?? e debuxarás (de novo) un sorriso de felicidade.

Ánimo meu amigo, loita máis que nunca, e lembra, lembra sempre que tes unha infinda forza que che transmite toda a Xente que te coñece, que te coñecemos. A forza da verdade.