O escritor vigués Ramón Sandoval gaña o Avelina Valladares co poemario «Nas esquinas do frío»

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

r. g.

24 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor vigués Ramón Sandoval Pérez acaba de proclamarse gañador da vixésimo terceira edición do premio de poesía Avelina Valladares -convocado polo Concello da Estrada e a Asociaicón de Mulleres Avelina Valladares- co poemario titulado Nas esquinas do frío, presentado ao concurso baixo o lema Capricornio.

O xurado seleccionou a obra por unanimidade, destacando que se trata dun poemario «no que o autor aborda conceptos sociais de contemporaneidade desde unha cualitativa profundidade acompañada de frescura e baseamento poético». «O ton dos poemas vai polo pesimismo xerado na experiencia vital, onde se salienta a esperanza de non nos dar por vencidos», recolle a acta do xurado. «A frescura dos versos sen perderen a fondura do seu contido, rexistrado no literario e poético, fai deste poemario a merecencia do premio Avelina Valladares», conclúen.

A obra foi elixida entre vinte poemarios inéditos xa que, aínda que ao concurso se presentaron un total de 23, tres deles foron publicados ou premiados antes do fallo e polo tanto quedaron excluídos da convocatoria.

O xurado estivo integrado por Ana Cabaleiro López, Esteban Folgar Brea, Rosalía Morlán Vieites, David Otero Fernández e Noni Araújo Arias, actuando como secretaria.

Entrega na Festa da Poesía

O premio está dotado con 2.000 euros e mais a publicación do poemario. Será entregado o día 29 de novembro no transcurso da Festa da Poesía.

O autor gañador é natural de Vigo. Gañou no ano 2013 o premio Victoriano Taibo na súa sexta edición coa obra Territorios Estraños. Ten publicada esta obra polo Instituto de Estudos Miñoranos e Como una lluvia, no selo El Paisaje Editorial.