Xa está á venda a edición do 2020, coa súa ampla sabedoría popular
05 nov 2019 . Actualizado a las 13:58 h.Que tempo haberá no ano que vén? Virá unha primavera boa para comezar a colleita do millo ou das patacas? Sairán ben os grelos en xaneiro e febreiro? Poderase facer un ensilado axeitado máis ou menos por xuño? Virán tormentas que estraguen as vides xusto antes de facer a vendima?
Hai xa unha maneira de intuír como virá o 2020. Non fai falta agardar polas predicións de organismos oficiais, que, por outra banda, o autor desta afirmación non rexeita nin cuestiona. O que si é posible é dispoñer dunha serie de pistas, elaboradas segundo criterios de sabedoría tradicional: O Mintireiro Verdadeiro xa está á venda con datos correspondentes ao vindeiro ano.
A publicación preséntase, xa na portada, como un calendario «chusqueiro», «enxebre» e «galego-castelán». Eses son trazos que xa se poñen diante dos ollos do lector mesmo antes de que comece a percorrer as páxinas; e infórmase ademais de que o libro é «tamén barato». O que le pode comprobar que e van cumprindo ese anuncios, pero tamén atopa datos de interese.
Xaneiro será un mes chuvioso, con auga que mesmo pode ir acompañada de sarabia. Tampouco faltarán días con algo de brétema, de igual maneira que non debera faltar unha pouca de neve en febreiro. Fai falta que neve? Segundo os autores do calendario, si, porque «así a terra dará bos froitos», En febreiro, xa co inverno pola metade, medran os días, pero que ninguén esqueza que aínda non chegou a primavera, pois anúncianse xornadas con auganeve.
Si parece, porén, que en marzo haberá máis sol e calor, aínda que con vento nas zonas de beiramar. Abril terá «vento calmo e solermiño, longos e manseliños días e noites feiticeiras», e de todo iso poderá tirarse proveito: será un tempo axeitado para a sementeira das patacas e da horta. Maio xa se caracteriza por días máis ben longos, como se lembra neste calendario, que tamén advirte que pode haber algo de chuva entre as raiolas de sol.
Xuño é o mes de días máis longos e de noites máis curtas. Anúnciase un tempo en xeral bo, con «abundante quentura» en moitos días: «Camiñará o bo tempo cun longo feixe de datas», dise nunha das páxinas.
Semella que o verán non será escaso en sol, pois os autores desta publicación anuncian que virá «gorentoso e ben chantado». Ese tempo poderá axudar, xa en agosto, a sementar os nabos. En setembro, mes no que entra o outono, xa vai anoitecendo moito antes -con «mágoa pra todos», como se di no calendario-; porén, aínda se notará a forza do sol nun tempo que é sinónimo, de recolleita de certos cultivos.
Tamén virán xornadas despexadas en outubro: días «feiticeiros» que poderían identificarse co verán se non fosen xa bastante máis curtos. As consecuencias notaranse de xeito evidente: haberá que recoller patacas, rematar o ciclo do mel e a vendima e apañar peras, mazás, castañas e landras.
O contraste que supoñerá a entrada de novembro parece grande: «Ventos a correr, fríos a padecer». Mesmo se indica que choverá o primeiro día, festa de Todos os santos, e que a agua estará presente en boa parte das semanas seguintes. Decembro terá chuvias miúdas, trebóns, vento do norte e neve. A calor e o sol de meses pasados quedará xa moi atrás nun mes que se presenta como «morriñento» e «enfastiado». O que queira buscar algo positivo mentres se suceden eses rigores invernais poderá pensar que xa os días comezan a medrar un pouco.
Nas páxinas deste calendario tamén se inclúen refráns dos doce meses e as fases da lúa en cada un deles.
Parece que no verán do 2020 abundarán os días despexados, con boas temperaturas
Guía de feiras e mercados de Galicia e de zonas próximas
O día 1 de cada mes hai feira e mercado en Betanzos. En Vilalba celébrase o primeiro domingo despois do día un. O 25 toca feira, por exemplo, en Caldas de Reis, e o 27, en Xinzo de Limia. Son datos que O Mintireiro Verdadeiro recolle nas súas páxinas, aínda que inclúe tamén as de zonas de Asturias, de Castela e León e do Norte de Portugal: por exemplo, os sábados hai mercado en Vegadeo; os xoves, en Bembibre e en Benavente, e os mércores, en Valença do Minho. Tamén se informa de feiras anuais -San Marcos (25 de abril) en Noia ou As San Lucas (do 17 ao 20 de outubro) en Mondoñedo-.
Danse ademais consellos prácticos para podar ben as kiwis e de vides e datos sobre as medidas dos ferrados en todo Galicia. Neste apartado hai contrastes entre concellos veciños, pois o de Viveiro son 548 metros cadrados, e o de Xove, 725. Tamén hai casos en que dun concello a outro do lado non se notan cambios: por exemplo, son iguais as medidas do ferrado en Santiago ca en Ames e en Boqueixón (639 metros cadrados), tamén en Poio en Sanxenxo (629).