Toca agora reconstruír un futuro incerto, lembrando os nosos éxitos do pasado, sacando conclusións positivas desta longa catividade e creando novos soños e ilusións, que nos permitan seguir medrando como persoas. A tal fin, a Casa do Patrón, o gran Ecomuseo do Mundo Rural Galego, reabreu as súas portas o pasado sábado, 16 de maio, tanto das 13 salas interiores, como dos seus amplos e fermosos espazos exteriores (Aldea de Codeseda, Castro de Doade, Ruta Homologada de Sendeirismo PR-G210, Contorna Biosaudable de Entre Ríos), sempre respectando as medidas sanitarias e de seguridade vixentes, como símbolo e referente, que somos, do benquerido medio rural galego.
Aproveitamos acontecementos tan relevantes como o Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos, para lembrar que os museos son un medio para o intercambio e enriquecemento das culturas, e o desenrolo da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. Recordando os principais fitos históricos do Museo: a inauguración da colección no ano 1996, a Malla Tradicional de Lalín, dende o 2000, a restauración integral da aldea de Codeseda (2007), a Contorna Natural Biosaudable de Entre Ríos (2014), as 6 campañas arqueolóxicas no Castro de Doade (dende o 2015), a posta en marcha da Ruta de Sendeirismo PR-G210 (2017), a celebración do evento «Unha aldea no Nadal» (2019), a edición de 11 libros e 5 vídeos, e a completa dinamización cultural e social da aldea de Codeseda, con preto de 15.000 visitas anuais, entre as que figuran máis de 4.000 nenos e profesores de colexios galegos...
E asentádoos sobre algunhas claras conclusións obtidas neste triste confinamento:
*Decatarnos de que os valores fundamentais de toda persoa son a vida, porque é curta; a saúde porque, sen ela, nada valemos; a liberdade, porque nos permite realizarnos como seres humanos; a familia, porque é única; os amigos, porque son contados e o traballo, porque nos permite vivir do noso suor, con dignidade.
*O absoluto respecto á orde inmutable do universo e do inmenso poder da natureza, que representa o medio de vida orixinal e máis axeitado para especie humana.
*A vulnerabilidade da Humanidade, na nosa condición de minúsculos inquilinos, de paso por unha terra que non é nosa, sen que case ninguén se decate da nosa presenza.
*O enorme valor do mundo rural, tantas veces desprezado, polas evidentes vantaxes do seu xeito de vida, e pola súa demostrada capacidade de supervivencia.
Seremos incansables na eterna busca do lugar no que os nosos soños se fagan realidade, do noso verdadeiro fogar, non renunciando xamais ao primeiro dos praceres humanos: a ilusión, porque as ilusións perdidas son follas desprendidas da árbore do corazón. Ter ilusións é vivir!.
E como o faremos?.
*Pois, se a vida nos da un limón, faremos unha limoada. Debemos aproveitar todas as oportunidades que a vida nos concede, en calquera circunstancia, porque a primeira oportunidade dase; a segunda, gáñase, e a terceira, non existe.
*Potenciaremos todo aquilo que nos fai únicos e diferentes (a natureza, as actividades, a cultura, a etnografía, a arqueoloxía, a gastronomía), porque a beleza do mundo consiste na súa diversidade.
*Buscaremos experiencias satisfactorias, de gran significado que xeren aos visitantes unha sensación de plenitude e harmonía, cun contacto moi intenso coa contorna e as xentes do lugar, cheo de autenticidade, sorpresas e emocións a través de tódolos sentidos (olores, colores, gusto, texturas...).
*Teremos unha fe cega nas posibilidades, no patrimonio e nas xentes do noso rural, cun valor engadido polas singularidades galegas, que nos fan únicos e, polo tanto, valiosos e irrepetibles, considerando que só hai unha cousa que fai imposible un soño: o medo a fracasar!
É unha verdadeira mágoa que moitos galegos aínda non coñezamos abraiante abano de recursos naturais, os mellores produtos, as mellores praias, os mellores paisaxes, a mellor gastronomía, a mellor xente e unha riquísima cultura, cunha historia milenaria, que buscamos a milleiros de quilómetros de distancia, cando o temos ao carón da casa.
É o momento do turismo de proximidade, de coñecer de verdade o este gran país, axudando a manter a agrandar a súa historia, a súa lenda, e a súa economía, porque
nin os de fora poderán vir a visitarnos, nin nós poderemos viaxar moi lonxe por un tempo.
Debemos darlle absoluta prioridade á adquisición de todo tipo de produtos e servizos da nosa Terra, sendo conscientes de que a única senda posible que teñen milleiros de empresas e institucións humildes como a nosa para saír deste tenebroso túnel, será o apoio unánime dos veciños e paisanos galegos. Agardamos a vosa visita!.